A Unión Comarcal da CIG de Vigo ten convocada unha manifestación para este xoves 26 de maio en defensa do sector naval e contra o desmantelamento industrial da bisbarra. A marcha arrincará dende Vía Norte ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta.
O naval vigués esmorece
Así o anunciaron este luns en rolda de prensa o secretario comarcal da central sindical, Alberto Gonçalves, e o responsábel da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández.
Os dous subliñaron que “o naval vigués leva anos esmorecendo” e camiñando cara a irrelevancia industrial, “cunhas condicións laborais cada vez de maior precariedade, sen que as administracións públicas acometan ningún plan de viabilidade para a súa modernización ou tan sequera para garantir a súa supervivencia”.
“Situación dramática”
De feito, apuntaron, os tres principais estaleiros da Ría de Vigo e estaleiros privados máis grandes do Estado –Barreras, Metalships e Vulcano- atravesan unha situación dramática.
Hai 10 anos asistimos á venda de Barreras ao grupo García Costas e á petroleira PEMEX, unha venda exemplo de “corrupción e mala xestión, o que en gran medida dá o nivel de empresariado que hai no noso país e o total desinterese por parte das diferentes administracións, tanto do Estado como da Xunta”.
Outros 100 empregos perdidos en Barreras
E nestes días “temos diante unha nova venda da unidade produtiva do estaleiro que supón a perda de máis de 100 postos de traballo directos”.
Trátase, subliñaron os responsábeis da CIG de empregos de calidade, a cambio de precarizar máis o sector con máis subcontratación. “Cando vemos que este modelo de estaleiros de síntese xa fracasou noutros países de Europa”.
Metalships, sen carga de traballo e Vulcano na incerteza
Por outra banda, Metalships está sen carga de traballo, unicamente na reparación, e cun futuro incerto, e o antigo Vulcano, agora Estaleiros San Enrique, nun escenario de “absoluta incerteza”.
Diante da continuada “inacción” da Xunta e do Goberno español “temos que insistir na necesidade de defender o naval como un sector estratéxico e imprescindíbel na nosa comarca e en Galiza, xa que historicamente foi motor industrial que daba traballo non hai moitos anos a 15.000 traballadores/as en Vigo e a súa bisbarra, que creou moita riqueza, e por iso que urxe adoptar as medidas necesarias para asegurar a súa continuidade e blindar o emprego”.