A federación de Banca da CIG continúa co seu calendario de mobilizacións para reclamar un convenio colectivo
digno para o sector dos centros de chamadas.
Folga de 24 horas e concentración diante de Unísono
Así, convoca unha nova xornada de folga este xoves 26 de maio para denunciar que tras dous anos de negociación a patronal négase a aplicar unha suba salarial que garanta a recuperación do poder adquisitivo, ademais de pretender perpetuar a precariedade laboral.
Coincidindo co paro de 24 horas a central sindical desenvolverá concentracións diante das instalacións de Unísono en Vigo (Gran Vía, 110) e no Obelisco na Coruña ás 11:30 horas.
Postura “inmobilista” da patronal
De igual xeito que fixera hai un mes e repetiu o pasado 13 de maio, a CIG-Banca decidiu promover unha nova
xornada de folga pola falta de avances na negociación do convenio e ante a postura inmobilista da patronal, que
teima en recortarlle ao persoal dereitos que xa ten consolidados.
Unha “proposta de miseria”
As delegadas/os da CIG no sector denuncian que, despois de anos de perda salarial e cun medre da carestía da
vida imparábel, a oferta do empresariado limítase a un 0% para 2020, un 0,8% para 2021, un 2,5% para 2022 e
IPC+0,5% (co tope do 2,5%) para 2023.
Esta proposta de “miseria” non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo nun sector no que “xa hai categorías que, tras da última suba, foron superadas polo SMI e polo tanto tiveron que ser actualizadas ao salario mínimo”.
Seguen as contratacións a tempo parcial
Dende a CIG sinálase que, ademais, a patronal quere seguir mantendo a contratación a tempo parcial (con contratos de até 15 horas, pero ampliándoos cando ás empresas lles conveña); e aproveitar a nova reforma laboral para ampliar os prazos dos contratos temporais “e seguir manténdonos na absoluta precariedade, en vez de acatar a sentenza da Audiencia Nacional e facer indefinido a todo o persoal”.
“Recorte de dereitos e precariedade”
Outra das aspiracións das compañías pasan por reducir os complementos de IT e as horas médicas, flexibilizar a
xornada máxima anual “segundo lles pareza”, eliminar o máximo de 39 horas semanais ou que excedencia
especial só poida collerse fóra do verán ou do período de Nadal.
“Roubo a cara descuberta”
Por iso na CIG consideran que “isto non é unha negociación, é un roubo a cara descuberta que nos condena ao
empobrecemento e á escravitude”, polo que chaman o persoal a seguir loitando por un convenio xusto e digno
para os centros de chamadas e a secundar a nova xornada de folga convocada.