O Porriño será o epicentro do cliclismo galego este sábado, 11 de xuño, co Gran Premio Concello do Porriño Élite e Sub-23 que organiza o Club Master da Louriña.
Respaldo “incondicional” do Concello
A proba presentouse esta mañá nun acto no que o alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor “o bo facer do Master da Louriña, un club que pensa en grande e sempre é garantía de éxito” polo que contan “co respaldo incondicional do Concello en todo o que se propoñan”.
115 ciclistas
O presidente do club organizador, Juan Álvarez, convidou a todo o mundo a disfrutar da proba “a tradicional e reclamada volta ao val”. Álvarez explicou que hai “115 ciclistas inscritos” que disputarán a carreira puntuable para a Copa de Galicia nun circuíto de 140 km.
“Un dos puntos quentes será a meta volante, en Baiona, e destacar tamén o que chamamos a selección da carreira, un tramo que aínda que non conta cun gran desnivel si é un crebapernas”, dixo.
Jacobo Ucha, director deportivo da FGC eloxiou o traballo do club porriñés e destacou que se trata dunha proba “moi bonita, cun percorrido moi atractivo que terá ese triple paso pola Abelenda que esperamos abarrote as estradas co numeroso público amante do ciclismo que hai no Porriño”.
O representante de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, “contento de que o deporte volva ser noticia no Concello do Deporte. Os que non somos do Porriño vimos a admirar o ben e o bo que se está facendo”, concluíu.
Tamén tivo unhas palabras de agradecemento o representante de LASAL Cocinas, “para aqueles que nos movemos na dualidade de ser patrocinador e aficionado a este deporte é un pracer ver que os clubs contan tamén co respaldo das administracións” e como porriñés agradecer “a todos os que fan posible que o ciclismo retorne ao Porriño”.