A Asociación de Usuarios de Vehículos de Mobilidade Persoal de Vigo quere axudar á cidadanía que ten este tipo de vehículos a comprender a gran cantidade de obrigas, normas, infraccións, condicionantes e limitacións que aparecen reflectidos na nova ordenanza que regula os VMP en Vigo, e que entrará en vigor este xoves, día 9 de xuño.
A campaña consistirá no reparto de trípticos informativos (elaborados pola propia entidade). Os propios repartidores e repartidoras serán tamén “puntos de información”, e resolverán as principais dúbidas que as persoas usuarias de VMP poidan ter.
Algunhas información incorrectas ou inexactas na prensa
Entre algunhas das informacións incorrectas que apareceron na prensa local durante a última semana están: a normativa entrou en vigor o día 1-2 de xuño (entra o día 9); que se require un seguro de responsabilidade civil de polo menos 500.000 euros (requírese seguro, pero non ten cantidade mínima); hai que ter un certificado de circulación (existe unha moratoria ata 2027 segundo o RD 970/2020); é obrigatorio usar un chaleco reflector (en realidade fálase na ordenanza de prenda ou elemento reflector); que os VMP non poden saír de noite ou con chuvia forte (só os VMP sen luces teñen prohibido o seu uso entre a posta e a saída do sol e con condicións de visibilidade adversas); non poden aparcar na beirarrúa (poden, baixo certas condicións).
O folleto, que pode descargarse pinchando aquí , pretende aclarar dun só vistazo a meirande parte das dúbidas sobre o uso de VMP na cidade de Vigo (limitacións de velocidade, normas de circulación e estacionamento, infraccións, espazos de uso, etc.). Ademais, conta cun código QR que dá acceso directo ao texto oficial da ordenanza.
Dúbidas coa ordenanza e reunións co Concello
Así mesmo, o pasado 30 de maio a Asociación Vigo VMP puido reunirse co intendente da Policía Local e coa xefa de Seguridade do Concello de Vigo co fin de trasladarlles algunhas dúbidas sobre a aplicación da ordenanza.
Por outra banda, a Asociación Vigo VMP segue amosando o seu rexeitamento a limitar a circulación dos VMP sen guiador e tamén dos VMP de máis de dúas rodas.
Vigo ten a ordenanza máis restritiva de España
Ao seu xuízo, “a ordenanza xera unhas categorías confusas, ambiguas e arbitrarias que non se basean en datos estatísticos nin estudos científicos, convertendo esta ordenanza na máis restritiva de España con diferenza”.
A asociación Vigo VMP espera que, co diálogo aberto co Concello de Vigo e co intercambio de información, se poidan chegar a acordos futuros que rebaixen estas limitacións.