O Concello do Rosal busca a dúas persoas novas para ofrecerlles o seu primeiro emprego. Trátase de dúas contratacións que se realizarán ao abeiro do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación de Pontevedra.
Xornada completa e duración de 12 meses
A través da mesma se ofertará un posto para unha persoa graduada en Dereito e outro para unha persoa graduada en Arquitectura técnica. Ambos os dous contratos serán a xornada completa e terán unha duración de 12 meses.
“Participando nesta iniciativa temos a oportunidade de achegar á nosa mocidade ao mundo laboral e de facilitarlles que poñan en práctica todos os seus coñecementos dunha forma guiada e acompañada nos proxectos que estamos a levar a cabo no Concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Inscritos no Servizo Público de Emprego
As persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) cos seguintes códigos de ocupación:
- 36121018 – Asistentes xurídico-legais
- 37111027 – Persoal técnico de servizos xurídicos e/ou similares
- 24811013 – Arquitecto/a técnico/as
Ademais de estar en posesión das titulacións requiridas; todas as persoas interesadas en optar á praza deberán estar empadroadas nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra; ter rematado os seus estudos hai un máximo de tres anos; sen experiencia profesional ou formativa na mesma actividade dentro do Concello máis de tres meses ou que non estean contratadas en prácticas no momento da selección nalgún dos programas da Deputación de Pontevedra.
Salario bruto de 1.640€ ao mes
As persoas que ocupen a praza terán un contrato formativo de seis meses prorrogables outros 6 e un salario bruto mensual de 1.640,51 euros. O sistema de selección será o de concurso, valorándose o expediente académico, a posesión de outras titulacións académicas relacionadas e a formación complementaria recollida na convocatoria.