A nova estación de autobuses de Vigo-situada ao carón da Estación de Vialia, en Urzáiz, está rematada. Con varios meses de retraso, a Xunta recibiu este venres a mesma de xeito oficial, unha vez finalizados os traballos no interior e exterior da mesma e nos túneles de acceso.
2 millóns de viaxeiros ao ano
Esta terminal, a principal do sur de Galicia e pensada para que uns 2 millóns de viaxeiros transiten cada ano por ela, tivo un investimento de 18 millóns de euros. En total, ocupa 6.700 m2, conta con 30 dársenas, uns andeis de 2.200m2, cubertos por unha ‘marquesina’ e un andar inferior que abrangue o edificio de servizos ao viaxeiro.
Accesos
A nova estación dispón de dous accesos, o primeiro a Praza da Estación, polo que chegará o 35% do tráfico, como os autobuses do Porriño, Redondela e Baiona. Este acceso poderá estar operativo cando se remate a terminal, dado que esta praza, que executa o Concello pero é cofinanciada pola Xunta, está acabada.
Enésima polémica Xunta-Concello
O que debería ser unha boa nova para a cidade, convertiuse nunha nova polémica entre a Xunta e o Concello, no que xa é o inicio da precampaña para as Eleccións Municipais de dentro dun ano.
Así, a delegada da Xunta en Vigo declarou que “por mor do atraso das actuacións do Concello, a estación intermodal non poderá entrar en funcionamento”.
Nete sentido, engadiu, “seguen a falar de terras contaminadas e xa non sei se agora darán outra escusa, pero como poden ver a zona de construción é a mesma para as dúas administracións e nós tivemos as mesmas terras contaminadas que eles”, sinalou.
O Goberno local enviou a súa resposta, en poucos minutos, por medio da concelleira de Urbanismo, quen apuntou que a delegada “descoñece o proxecto” de comunicacións da nova estación. Neste sentido subliñou que “ningún autobus vai a entrar polo túnel de Lepanto [que segue en obras]”.
Así, pediu á delegada que “deixe de enredar” e que, canto antes, faga chegar ao Concello os cambios que a Xunta ten previstos nas rutas, frecuencias e horarios dos autobuses, o cal é “imprescindibel” para poder informar ás empresas operadoras e aos usuarios.