A Unidade Esófagogástrica e da Obesidade do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Área Sanitaria de Vigo ven de publicar un estudo na prestixiosa revista americana “Surgical Endoscopy”, de gran impacto na especialidade.
No estudo, titulado “Estudo retrospectivo de la linfadenoctomia en el cáncer gástrico guiado por ICG (verde indocianina) nun centro occidental” , tamén participaron os servizos de Medicina Preventiva, Dixestivo e Anatomía Patolóxica .
A principal aplicación do ICG en cirurxía oncolóxica é a navegación intraoperatoria durante a linfadenectomía (extirpación dos ganglios linfáticos). Isto é posible grazas ao emprego do verde de Indocianina, colorante que permite visualizar, a tempo real, a anatomía do paciente.
Xeralmente, o cáncer de estómago fai metástases pola vía linfática. Con este procedemento, 24 horas antes da cirurxía, os especialistas de dixestivo, a través dunha gastroscopia, inxectan ao paciente a solución verde nos puntos cardinais do tumor. Esta substancia vaise distribuír polos vasos linfáticos.
Ao día seguinte, no momento da intervención, xa aparecen tinguidos de verde todos os ganglios linfáticos por onde drena ese tumor, visibilizándose con claridade, o que lle serve de guía ao cirurxián para proceder ás súas extirpacións.
Cirurxía máis precisa
Segundo explica o primeiro autor do artigo, o cirurxián Ignacio Maruri, “este procedemento, ao facer visibles os ganglios afectados, aumenta a detección dos mesmos e permítenos localizar ganglios noutras localizacións atípicas onde non se soe diseminar o tumor, e que doutro xeito poderían non identificarse. Isto nos posibilita realizar unha extirpación máis completa dos ganglios linfáticos tributarios dese tumor e a súa localización no estómago.”
En definitiva, continúa o cirurxián, esta técnica permite facer unha cirurxía máis completa destes tumores, acadando así un diagnóstico máis exacto do tipo de tumor e por conseguinte un mellor tratamento. En casos seleccionados poderíase incluso realizar unha técnica algo menos agresiva para pacientes de mais idade e o con tumores máis pequenos.
Primeira publicación en Occidente
O estudo, no que o douror Maruri estivo traballando durante 2 anos, realizouse en 40 pacientes; unha metade foi intervida coa nova técnica mentres que e a outra operouse de xeito convencional.
Nos países orientais o cáncer gástrico é unha enfermidade de gran prevaleza, polo que existe unha maior atención a esta patoloxía e máis investigación e literatura científica sobre a súa abordaxe terapéutica.
Sen embargo, nos países occidentais, ao tratarse dunha patoloxía con baixa prevaleza, non existe tanta investigación sobre o tema. Por iso, este artigo é o primeiro publicado nun centro occidental. “Nos países do noso entorno cando se diagnóstica deste cáncer xeralmente é en xente maior e en estadios xa avanzados”. explica o especialista.
40 casos anuais de cáncer gástrico
Nestes momentos, o servizo ten protocolizada e incorporada esta técnica a súa carteira de servizos. De feito, naqueles casos indicados, opérase a todos os pacientes con este procedemento .
A Unidade Esófagogástrica e da Obesidade realiza 300 intervencións anuais, das que 40 son por cáncer gástrico. O resto, corresponde a outras patoloxías como a obesidade mórbida, lesións de esófago, hernias de híato, etcétera.