O alumnado do curso de xardinería planta flor de tempada nos xardíns municipais. Enmarcado no ‘VI Plan de Formación do Concello de Covelo‘, este curso conta cunha parte teórica e outra práctica cun total de 50 horas repartidas en 10 xornadas.
De 9 a 14 horas o alumnado de xardinería estuda e ademais contribúe a crear un espazo público máis agradable e máis amable.
De poda e plantación a mantemento de xardíns
As persoas participantes adquiren coñecementos de poda, plantación, coidados, mantemento de xardíns, manexo de maquinaria e ferramenta e prevención de riscos laborais, entre outros contidos. O Concello adianta que os coñecementos adquiridos e o diploma obtido terase en conta e valorarase nas sucesivas bolsas de emprego.
Sete cursos de inserción laboral en 2022
Co obxectivo de mellorar o currículo das persoas, o Concello puxo en marcha este novo curso despois de ter recollido a través dun proceso de participación ás necesidades formativas da veciñanza. Con isto, e analizadas as demandas do mercado laboral, o Concello de Covelo realiza arredor de sete cursos no 2022 sumando un total de 36 cursos de formación ao longo destas seis edicións orientados a un mellor acceso á inserción laboral.
O VI Plan de Formación continuará ofrecendo novos cursos ao longo do ano co obxectivo “de facilitar a inserción laboral, mellorar o currículo das persoas e achegar formación de balde acorde coas demandas do mercado laboral á veciñanda do concello”, explica Lourdes Enes, concelleira de Formación e Emprego.