Deportes Vigo al minuto

Pedaleando 6.000 quilómetros pola ELA

Un veciño do Porriño inicia un percorrido de 6 meses en bicicleta para visibilizar esta enfermidade

Pedaleando 6.000 quilómetros pola ELA

Coincidindo co Día Mundial da ELA, que se celebra cada 21 de xuño, o porriñés José Manuel Domínguez “Tonono Bike” comezou o seu reto persoal e social: pedalear 6000 quilómetros pola ELA.

Recadar 6.000 euros para os enfermos de ELA

Onte partiu en bicicleta dende a Praza de Antonio Palacios, no centro do Porriño, co obxectivo de recadar, polo menos, 6.000 euros para axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias, tantos como kilómetros percorrerá durante seis meses visibilizando unha enfermidade que afecta a moitas persoas.

Percorrer o perímetro de España

O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, a concelleira de Sanidade, Carolina González, Pilar Guimeráns, representante de AGAELA , familiares e amigos, acompañaron a Jose neste importante momento.

“Coa miña bicicleta e o voso apoio percorrerei o perímetro de España para conseguir fondos que se destinarán na súa totalidade a axudar ás persoas que padecen esta enfermidade”, explicou Jose, “Sei de primeira man o necesaria que esta axuda para que estas persoas teñan unha vida digna, xa que está a afectar a un familiar e amigo, e penso que somos nós, os que gozamos de saúde, os que dalgún xeito debemos colaborar con eles”.

Por iso Jose, músico de profesión, adica a metade do ano ao seu traballo e a outra metade a loitar contra a Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) a golpe de pedal.

“O que vai facer Jose é digno de admiración, o seu altruismo e compromiso merece o respaldo de todos e todas, e que en cada pedaleo sinta que dende o Porriño o estamos apoiando”, afirmou Alejandro Lorenzo, “Por iso é necesario que todos e cada un de nós colaboremos na campaña de crowdfunding e difundamos o seu reto para que todo aquel que queira poida sumarse”.

Así podes colaborar

A recaudación de fondos está a facerse a través da plataforma de crowdfunding Migranodearenahttps://www.migranodearena.org/reto/pedalear-6000-km-x-6000-x-ela. A totalidade do recaudado destinarase a axudar aos enfermos de ELA e ás súas familias a través da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).

También te puede interesar