O goberno municipal de Covelo executará o proxecto de mellora da pista deportiva de Pazos que contará na súa contorna cun parque infantil e cunha zona biosaludable.
650 metros cadrados
Este proxecto contempla actuar nunha superficie total de 650 m² na que se procederá á mellora da superficie da pista eliminando os resaltos existentes, á reparación dos bordos, limpeza e pintado da pista ademais de dotala dos equipamentos deportivos como canastas e porterías multideportes.
Tamén se colocará unha rede protectora nas cabeceiras da pista para evitar a perda de balóns e dotarase a zona dun espazo de lecer para cativos e cativas cun parque infantil. Este espazo para o xogo infantil terá xogos diversos e estará perimetrado por un valo de madeira que substituirá á actual varanda de tubo de aceiro.
Elementos biosaludables
Co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudable e ofrecer á veciñanza espazos agradables para a convivencia, instalarase tamén tres elementos biosaludables para que os maiores poidan exercitar o seu corpo. O orzamento total será de 44,969.76€ que afrontará o Concello con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
“Espazos e servizos públicos de calidade”
O alcalde, Pablo Castillo, explica que esta obra está enmarcada na estratexia de mellora e oferta de espazos e servizos públicos de calidade co obxectivo de que a veciñanza atope na súa contorna o necesario para o seu día a día e pór en valor a vida no rural.