As obras comezarán no primeiro trimestre de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar as obras do novo centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo, que suporán un investimento de máis de 14,8 millóns de euros e un prazo de execución de ano e medio.
O investimento previsto subiu case un 16% desde o orzamento inicial de 12,8 millóns de euros. Este aumento débese á actualización do proxecto aos prezos de mercado tras os últimos incrementos de custos rexistrados nos materiais necesarios para a execución desta obra, logo dun primeiro concurso que foi declarado deserto.
No edificio ‘novo’ dos Xulgados da rúa Lalín
A intervención consistirá na execución do novo centro de saúde, que ocupará o espazo do actual edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín. O novo centro integral de saúde situarase nas proximidades da praza de América, entre os barrios das Travesas e Coia.
As obras comezarán en 2023
O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no primeiro trimestre de 2023, cando conclúa o traslado dos servizos e do persoal da Audiencia Provincial á Cidade da Xustiza, e prevese que o novo centro beneficie a unha poboación de 42.000 persoas.
Substituir o Centro de Saúde de López Mora
O obxectivo fundamental desta nova dotación sanitaria é substituír o centro de saúde de López Mora, que está
obsoleto. Ademais, apuntan dende a Xunta, “permitirá completar a carteira de servizos de Atención Primaria e dotar esa zona daquelas prestacións que, a día de hoxe, non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde, como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia“.
As obras a executar
Remodelarase a distribución interior do edificio, xa que está adaptada ao uso xudicial. As súas fachadas tamén se renovarán, porque non se adaptan ás necesidades de iluminación natural requiridas para crear espazos sanitarios de calidade.
7.619 metros cadrados
As instalacións, con 7.619 m² construídos, albergarán servizo de urxencias; unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 de pediatría, 8 de enfermaría pediátrica, 2 de odontoloxía e áreas da muller, de rehabilitación, de telemedicina, de administración e a base do 061.
A fachada do edificio compoñerase dunha ‘dobre pel’, composta por un muro cortina de vidro, combinado con fachada ventilada de aluminio e a 80 cm deste cerramento no seu exterior, disporase unha celosía composta por listóns de madeira de piñeiro termotratada.
Distribución
No soto situarase unha base para o 061, cun funcionamento autónomo con respecto ao centro de saúde; tamén as instalacións do edificio, vestiarios e unha zona de carga e descarga e subministros.
Na planta 0 estará a recepción, así como as Urxencias, con dúas salas polivalentes e unha de observación. Neste andar situarase tamén a área de traballo social e a de rehabilitación, que contará con 2 consultas de fisioterapia, ximnasio e 6 cabinas.
O primeiro andar dedicarase a área integral de atención pediátrica, de modo que se minimicen os percorridos dos cativos polo edificio.
Pola súa parte, o segundo e o terceiro andar contarán con consultas de medicina e de enfermaría; e o cuarto combina unha zona de consultas de medicina e enfermería cun espazo central dedicado a farmacia e odontoloxía.
Na parte oeste concéntrase a área de atención á muller, cunha aula de preparación ao parto e dúas consultas de matronas.
O quinto andar disporá de salas de docencia, espazos de telemedicina, despachos de administración e a sala de xuntas.