Son Plataneiros de preto de 50 anos de idade
A asociación ecoloxista Verdegaia vén de esixir ao Concello de Vigo que diga onde vai a plantar as árbores “arrincadas” esta semana en Martínez Garrido.
“Gran Vía, Ronda de Don Bosco, Castro, Gregorio Espino … atopamos exemplos en todos os barrios da cidade pero a desfeita desta semana en Martínez Garrido exemplifica claramente como o concello trata as árbores: como se foran mobiliario urbano“, apuntan dende a asocación.
Árbores de 50 anos
Verdegaia asegura que na contorna da Escola de idiomas o Concello retirou cos últimos Plataneiros que ficaban, “árbores con preto de 50 anos de vida; máis abaixo, preto da estación de buses, “arrincou algunhas das árbores que tiña plantado durante a ‘humanización’ dese treito da rúa“.
Segundo o Concello, engaden os ecoloxistas, “era algo necesario durante as obras de saneamento para… asegurar o tráfico”.
Xa van 10 anos dende que se ‘humanizou’ o treito de Martínez Garrido máis próximo á estación de buses. “Daquela o Concello afirmou que as decenas de árbores retiradas serían transplantadas a unha zona verde. Os biólogos avisaron que a taxa de éxito na replantación de Plataneiros con corenta anos é practicamente nula e así foi. En poucos meses puidemos observar como as árbores, que foron transplantadas na zona verde do Polígono de Valadares, morrían todas“.
Repítese a historia
En 2022 “volve a repetirse a historia“. O concello, indican dende Verdegaia, afirma que os Plataneiros arrancados nas últimas semanas serán transplantados en varios sitios da cidade. A localización exacta non foi anunciada polo que Verdegaia acaba de presentar polo Rexistro Municipal unha petición formal para que o Goberno local, “en prol da transparencia”, informe do paradeiro das árbores para que “poidamos facer un seguimento do seu estado”.