Tería un custo para o Concello de 3,5 millóns de euros
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón a creación dun Bono de Consumo que permita mitigar “o grave impacto da inflación nas familias e no pequeno e mediano comercio local”.
Aumento dos prezos dun 11,7%
Dende o BNG chaman a despregar todos os medios do Concello para enfrontar o actual contexto de “emerxencia social e económica” derivado dun “incremento disparado dos prezos”, que se sitúa xa no 11,7% na cidade.
“Trátase dunha medida que permitiría incrementar a capacidade de compra dun número moi importante de familias da nosa cidade, para que estean en mellores condicións de sortear este período de graves dificultades, así como estimular o consumo no pequeno e mediano comercio local“, explicou o concelleiro do BNG en Vigo.
O mesmo que custan os concertos
Xabier P. Igrexas sinalou que este Bono de Consumo no comercio local sería semellante ao aplicado en numerosos concellos galegos durante a pandemia, “unha medida que o goberno de Abel Caballero se negou a poñer en marcha de forma sistemática”.
Igrexas cifrou en 3,5 millóns de euros a partida inicial para este complemento, unha cantidade “lixeiramente superior” ao que se vai destinar este ano para os concertos de verán.
“Situación límite”
O concelleiro do BNG alertou dunha situación límite para centos de familias traballadoras viguesas que “teñen dificultades para afrontar os gastos máis básicos e garantir con medios suficientes a súa subsistencia material”. Un crecente empobrecemento, asegurou, que se traduce nunha caída do consumo que afecta con especial dureza ao pequeno e mediano comercio da cidade.
Capacidade do Concello
Igrexas salientou que o Concello de Vigo dispón dunha “ampla capacidade orzamentaria” e ten que priorizar o uso deses recursos para “axudar a quen máis o necesita“, así como estimular ao comercio local que “dinamiza e vertebra os nosos barrios e parroquias e crea emprego digno e estábel”.