O operativo deste ano está integrado por máis de 7.000 profesionais
Reducir ao máximo as consecuencias medioambientais, ecolóxicas, sociais e económicas. Ese é o obxectivo central do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2022, aprobado polo Goberno de Galicia.
O Plan abrangue catro ámbitos diferentes de planificación: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación.
Neste eido, presenta novidades de importancia con respecto ao ano pasado, entre as que hai que subliñar as melloras organizativas do dispositivo, a ampliación da rede de vixilancia fixa, os avances tecnolóxicos, impulso á Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria.
Mellora organizativa
En relación coa mellora da organización, créase o Sistema estrutural de mando operativo, que ten coma fin aumentar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. Así, mediante este sistema libérase de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada lume dando prioridade ao seu traballo de coordinación do dispositivo.
Ao mesmo tempo, establécese a sectorización dos incendios, unha medida que permitirá xestionar máis eficazmente tanto os medios despregados como as labores de extinción.
Seis cámaras máis de vixilancia
Outra novidade do Pladiga 2022 é a relacionada coa vixilancia fixa. Así, increméntanse en 6 as cámaras dispoñibles, en tres novas localizacións, co que a rede contará con 148 cámaras en total, en 74 localizacións.
Estes novos dispositivos incorporan tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal: zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e manual, visión panorámica e altas capacidades de gravación.
Avances tecnolóxicos
Incorporánse novas funcionalidades para a reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras coas que conta o Servizo. Ao mesmo tempo, será posible xerar perímetros automáticos relativos á superficie afectada, un avance de especial relevancia pois permitirá predicir o potencial do lume e tomar decisións á hora de empregar os medios nos puntos e momentos clave.
Aplicación formativa
A creación dunha nova aplicación App de formación permite contar cun recurso multimedia unificado cos cursos impartidos ao persoal do dispositivo de incendios A mesma inclúe material didáctico de consulta, circulares e comunicacións de interese e ofrece acceso por categorías e perfís profesionais, en función das necesidades de cada posto de traballo.
Outra mellora do Pladiga 2022 ten que ver coa modernización dos centros de coordinación, tanto do central, situado en Santiago, como do provincial de Ourense.
Con respecto á investigación dos lumes, faise por primeira vez balance da actuación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que dende a súa creación -en 2021- realizou xa 242 dilixencias diversas, entre elas varias relacionadas coa posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios.
Plans Municipais contra incendios
Ao mesmo tempo, a Consellería do Medio Rural elaborou e entregou un total de 259 plans municipais antiincendios aos seus respectivos concellos, dos cales 186 xa están aprobados de forma definitiva.
Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan en Galicia a que o teñan hoxe en día -aprobado ou en tramitación- preto do 75% dos municipios galegos.
A elaboración dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais -que esixe a Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- son competencia dos concellos. Porén, diante da dificultade técnica que tiñan os municipios á hora de elaborar ditos plans, a Xunta asumiu este traballo ao abeiro do convenio de protección das aldeas, subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga no ano 2018 e no que están adheridos un total de 273 concellos galegos.
Parroquias de alta actividade incendiaria
O Pladiga 2022 identifica 35 parroquias de alta actividade incendiaria: é unha cifra idéntica á do ano pasado, pero co matiz de que 31 delas repiten respecto á anterior campaña. Así, catro destas parroquias saen da listaxe. Trátase das de Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga). Outras catro parroquias entran na listaxe, son as de Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín).
Medios humanos e materiais
O operativo estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Estos profesionais contarán con maquinaria renovada, como 13 novas motobombas do servizo, que forman parte dun conxunto de preto de 380 destes vehículos.
Ademais, mobilizaranse ata 30 medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como polo Estado, unha cantidade semellante á da anterior tempada de alto risco.
A Xunta de Galicia investirá entre este ano e o vindeiro case 19 millóns de euros en vehículos e material para o Servizo de prevención de incendios forestais. Trátase tanto de motobombas e todo terreos como de equipos de protección individual, motoserras, rozadoiras e outros equipos precisos o desenvolvemento da súa actividade.
Así, no que vai de ano, entregáronse seis motobombas, 137 vehículos pick-up para outras tantas brigadas, 15 vehículos todo terreo para os axentes, as 11 prendas que constitúen a uniformidade dos 387 axentes da Consellería do Medio Rural e preto de 2.000 unidades, contabilizando motoserras, rozadoiras, equipos de protección individual de corte, cascos, luvas e botas e pantalóns anticorte.
Completando este equipamento, no segundo semestre deste ano está previsto entregar outros 113 vehículos todo terreo e diferente roupa para técnicos, así como traxes de auga e botas de auga para o persoal (5.000 unidades en total).
Formación
Este ano, a Consellería de Medio Rural introduce ua programación de encontros en parroquias de alta actividade incendiaria. Iniciados o mes de xuño, teñen como fin concienciar e sensibilizar a poboación destas parroquias sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan para as persoas e para os bens, tanto forestais como non forestais, e como deben actuar ante un lume.
Por suposto, segue vixente o plan de formación aprobado no 2021 para o período 2021-2024, e seguindo a súa planificación, neste ano estanse a impartir un total de 29 cursos, especialmente dirixidos ao persoal do servizo, pero tamén á poboación en xeral.
Prevención
Con respecto ao Plan preventivo, a Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros a esta planificación, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior.
Con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías.
Por último, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.