Tamén para perceptores de axudas sociais
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón facer gratuíto o bus urbano para persoas desempregadas, perceptoras de axudas sociais e menores de 14 anos. Para o BNG é preciso un maior esforzo para combater a crise derivada do aumento da inflación, que disparou nun 20% os custos do transporte no último ano, e considera “insuficiente” a bonificación do billete anunciada polo alcalde, Abel Caballero, a cargo dunha subvención estatal.
Abaratar e facilitar o uso do transporte urbano
Non é a primeira vez que o Bloque fai esta petición que, segundo o seu concelleiro sería “unha aposta máis decidida por facilitar o acceso e abaratar a utilización dun servizo esencial como o bus urbano”,
Xabier P. grexas pediu ampliar para facer gratuíto o bono social co Concello, que hoxe ten un prezo de 69 céntimos por viaxe para persoas beneficiarias dunha Renda Activa de Inserción (RAI) ou dun subsidio por desemprego.
Reclamou ademais estender a gratuidade a perceptoras de outras axudas sociais como a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou pensións non contributivas, así como para menores de 14 anos, como ocorre noutras cidades do Estado.
Mobilidade colectiva
“Temos que facer unha aposta estratéxica pola mobilidade colectiva, por ser a máis accesíbel en termos económicos e a máis sustentábel a nivel ambiental”, asegurou o concelleiro do BNG, que sinalou que o Concello de Vigo conta con suficiente capacidade económica para afrontar esta bonificación.
“É momento de priorizar a utilización dos recursos públicos para protexer da inflación disparada á maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, remachou Igrexas.