O BNG insta a Abel Caballero a que escoite as reiteradas denuncias veciñais
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Goberno municipal de Vigo aclare os motivos para desaconsellar o baño na praia da Calzoa.
Dende o BNG veñen de solicitar á Concellería de Medio Ambiente os informes e analíticas que motivaron esta recomendación e apunta que “a presenza masificada de cans, pola decisión unilateral do goberno de Abel Caballero de concentralos só neste pequeno areal, pode provocar importantes danos ambientais, tal como denuncia a veciñanza e colectivos ecoloxistas”.
Sen explicacións
“O Concello non deu ningunha información das causas para non recomendar o baño na Calzoa desde o pasado 3 de agosto, como tampouco fixo en maio nin o verán pasado”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo.
Xabier P. Igrexas chamou ao Goberno municipal a escoitar as advertencias reiteradas por converter este areal no único autorizado na cidade para a presenza de cans. “Esta decisión unilateral e caprichosa de Abel Caballero, que non tivo en conta nin á veciñanza, nin aos colectivos de defensa ambiental nin tan sequera ás organizacións animalistas, acaba por provocar este tipo de situacións”.
Falla de supervisión do Concello
“Non só está a demostrarse o erro de concentrar nunha praia toda a presenza de cans, tamén evidencia os efectos da absoluta falla de supervisión do Concello”, valorou Igrexas.
Neste sentido, desde o BNG criticaron que non se estea a respectar a ordenanza de praias nin se garantan as mínimas condicións hixiénico-sanitarias. “É unha evidente irresponsabilidade do goberno de Abel Caballero por non exercer as súas competencias á hora de supervisar o estrito cumprimento das normas de uso dos nosos areais”, remachou.