Vigo al minuto

Arrinca este martes en Vigo a 11ª edición do Festival Primavera do Cine

Durará ata o 18 de setembro

O Festival Primavera do Cine proxecta en Vigo os últimos filmes da sección oficial

Durará ata o 18 de setembro

Comeza o mes de setembro e con el chega esa languidez propia do retorno á rutina e da proximidade do outono, é por iso que, parafraseando os títulos de cineastas do talle de Yasujirō Ozu ou Clint Eastwood, volve este Primavera do Cine como una “Primavera tardía” ou unha “Primavera en outono” para que agrome unha pequena revolución cultural entre os días 13 e 18 de setembro en Vigo.

Apoiado polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o Instituto Camões, o certame celebrarase en catro sedes: o Auditorio do Concello de Vigo, a sede viguesa do Instituto Camões, o Museo MARCO e a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo; nelas poderase participar nos diferentes obradoiros e ver as longametraxes, os videoclips e as curtas que están aglutinadas nas seguintes seccións: Eu tamén navegarHá mais futuro que passadoMistura de centeoO rexurdir da terra asoballada e Ondas do mar de Vigo.

Cineastas

Así, este ano proxectaranse filmes de cineastas como María Ruido, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco, Diana Toucedo, Lucía Estévez, Carla Andrade, Guillermo de Oliveira, Brandán Cerviño, Adriana Páramo, Iago Seoane, Rebeca Lar, Paula Barreiro, Xoán Fernández, Manuel Lógar, David Varela, Pablo Vázquez, Paula Cermeño, Cláudia Varejão, Gustavo Vinagre, Leonardo Martinelli, Rudá Cordaro e Nina Kopko.

Sección Infantil

Ademais, por segundo ano consecutivo haberá unha sección infantil conformada por catro curtametraxes de animación que será coidadosamente escrutada por un xurado conformado por Xoana Silva, de 9 anos, Noa Lago, de 8,  e Breixo Silva, de 11 anos.

“A incorporación ao festival dun xurado infantil como fórmula para a creación de novos públicos resulta moi enriquecedora dada a responsabilidade que senten os seus membros, que debaten e analizan cada curta con todo detalle”.

Xurado internacional

No que respecta ao xurado internacional deste ano, encargado de outorgar o premio á mellor longametraxe e o premio á mellor dirección de longametraxe galega, estará integrado pola cineasta e xestora cultural Aldara Pagán, o escritor e doutor en belas artes Álex Mene, e a tradutora, historiadora e filóloga lisboeta Sofia Henrique.

Obradoiros gratuítos

Como cada ano, son varias as actividades divulgativas e formativas que completarán o programa para afondar nesa experiencia de inmersión compartida que é un festival cinematográfico.

O obradoiro de introdución ao guión cinematográfico impartido polo cineasta vigués Fon Cortizo (o sábado 17 ás 11 h.) así como a clase maxistral que Verónica Fonterosa facilitará sobre cinema, sociedade e feminismo o xoves 15 ás 18 h., estarán dirixidos tanto a estudantes (desde secundaria) como persoas afeccionadas ao cinema.

Por outra banda, o obradoiro de cinema expandido coordinado por Cris Lores (o domingo 18 ás 17 h.) e o Paper Cinético dirixido por Belén Veleiro (que terá lugar o sábado 17 ás 17:30 h.), farán gozar da maxia do celuloide e do precinema a toda a familia.

Para inscribirse en calquera das actividades, só é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico [email protected]. As prazas son limitadas e o acceso é gratuíto.

Homenaxe a María Casares

Dúas celebracións culminarán esta undécima edición do festival: a homenaxe á actriz galega María Casares polo centenario do seu nacemento —que incluirá a proxección do filme Orfeo dirixido por Jean Cocteau—, e a entrega da mención honorífica ao Cineclube Lumière, que terá lugar no acto de clausura que se celebrará o vindeiro domingo ás 19 h.

Os prezos

Co obxectivo de continuar sendo accesible a toda a cidadanía, os prezos non varían: por unha banda, o acceso ás funcións de longametraxes terá un custo de 4 €; por outra banda, as sesións de curtas e videoclips terán un prezo de 3 €; os obradoiros, a cerimonia de clausura e as proxeccións realizadas no Instituto Camões serán de entrada gratuíta. 

As entradas poden adquirirse na plataforma Entradium: https://entradium.com/events/11-edicion-do-festival-primavera-do-cine-en-vigo e o programa do festival está dispoñible en primaveradocine.com.

También te puede interesar