Dende este luns, para o taller de Elvira Ribeiro
A terceira edición da Escola de Letras porá o broche de ouro aos seus talleres cun obradoiro de poesía a cargo da escritora de literatura adulta e infantil Elvira Ribeiro, que levará por título “Onde nace o poema”. O taller terá lugar os días 18 e 25 de outubro de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación de 18.00 a 20.00 horas.
As persoas que desexen formar parte del poderán realizar as súas inscricións a partir deste luns 12 de setembro, co envío dun correo electrónico a partir das 08.00 horas ao enderezo [email protected].
Diego Giraldez e Anna Figueiredo
Ademais, tralo parón estival, a Escola retoma este mes a súa actividade con dous obradoiros literarios para os que as prazas xa están esgotadas e cunha ampla lista de agarda. Será o taller da man de Diego Giráldez que comezará o día 13 e que se celebrará na sede da Deputación en Vigo, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O impartido por Anna Figueiredo, “Escribir, xéneros, técnicas, temáticas”, desenvolverase no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra a partir do día 19, de 19.00 a 21.00 horas.
Editorial Galaxia
A Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia, baixo a dirección de Francisco Castro, é pioneira en Galicia e unha das escasas a nivel estatal.
A iniciativa arrancou no ano 2020 co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos.
Neste 2022 están a ofertarse un total de seis obradoiros da man de Inma López Silva, García Teijeiro, Diego Giráldez, Anna R. Figueiredo e Elvira Ribeiro.