“É esencial no benestar comunitario”, asegura a alcaldesa, Verónica Tourón
O Concello de Salceda de Caselas asinou os convenios de colaboración coas asociacións co que percibirán 126.751,40€ que servirán para axudar aos colectivos a sufragar os seus gastos de funcionamento e actividades.
A sinatura celebrouse no Auditorio Municipal e contou coa presenza da alcaldesa Verónica Tourón, a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira e o concelleiro de Cultura e Asociacionismo Álex Rodríguez.
Cultura, deporte, educación ou ecoloxismo
Nos máis de 126.000 euros que se destinan, asináronse convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos do Castro Barreiro e da Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Xubiladas e Pensionistas (3.000 €). No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.
Tamén reciben axudas por segundo ano a Escola de Fútbol Dénis Suárez e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFAGA) con 15.000€, A asociación de Persoas Voluntarias de Protección Civil con 1.500€, a Asociación de Comerciantes e Industriais e a Asociación Cultural, Deportiva e Ecoloxista TrezeCatorze con 900€ e a Asociación de Mulleres Rurais Caselas 400,00€.
Escola deportiva e banda de música
As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, con cerca de 500 participantes.
Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal.
Aposta polo tecido asociativo
Os convenios supoñen un importante esforzo financeiro, mais o Concello considera estratéxico continuar apostando polo tecido asociativo, que tanto dinamismo ofrece durante todo o ano, tanto na vila como nas parroquias. Este ano ademais, é un ano moi importante, xa que as asociacións retornaron ás súas actividades habituais logo do parón obrigado pola pandemia da COVID 19.
O concello colabora ademais durante todo o ano coas diferentes asociacións con préstamo de material, cartelería, doazóns para os centros culturais, asesoramento e información nos trámites con outras administracións, etc.
Para a alcaldesa, Verónica Tourón, “estes convenios de colaboración permitirán axudar ao noso tecido asociativo local, cubrindo as súas demandas máis esenciais e suporán un apoio importante para as asociacións como ferramentas de participación social e mellora do noso benestar comunitario”.