No que competirán 50 deportistas
A Praia de Patos volverá a ser este venres e sábado –días 23 e 24 de setembro– un exemplo en todo o país do verdadeiro surf universal.
O areal acollerá por segundo ano consecutivo o trofeo ‘Concello de Nigrán’ de Surf Adaptado (día 23) e o Campionato Galego e Estatal (día 24). O evento deportivo, presentado este mediodía na Residencia de Tempo Libre de Patos e está promovido desde Quenlla Surf Clube, Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal ‘Un Nigrán para todos’.
Charla do campión de España de Surf Adaptado, categoría de invidentes
Igualmente, como parte desta competición, o Concello volverá a contar, entre outros, con Aitor Francesena ‘Gallo’, actual campión nacional e internacional de Surf Adaptado na categoría para invidentes, para ofrecer unha charla no Pavillón de Panxón o venres ás 20:00 horas a toda aquela persoa interesada. A maiores, o Concello ofrecerá o sábado ás 21:00 horas o seu festival ‘Rock in Patos’ coa presenza de MITIC e como colofón musical ao campionato.
Nigrán, referente
“Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Estamos moi orgullosos de que Patos sexa un referente de inclusión e diversidade, esa é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano“, explica o alcalde, Juan González, quen anima a acudir a presenciar a competición.
50 surfistas
Deste xeito, Patos volverá a ser o escenario de competición para 50 surfistas de todo o país con diversas discapacidades e agrupados en diferentes categorías atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados…).
Sarah Almagro, Pablo Cabezas
Entre eles destaca a andaluza Sarah Almagro, subcampiona mundial, amputada das extremidades inferiores e superiores e que xa competíu o ano pasado en Nigrán, ou Pablo Cabezas, invidente vigués absoluto que aprendeu a practicar surf da man de Luis Pena (Quenlla Surf Club).