Coa súa xira ‘El viaje del astronauta gigante’
Coque Malla actuará este venres, 23 de setembro (22:00 h) no exterior do pavillón municipal do Porriño para ofrecer un dos derradeiros concertos de ‘El viaje del astronauta gigante’.
Será unha noite moi especial e a última oportunidade de ver a este artista referente do rock e o indie, en directo, polo menos durante un tempo, xa que vén de anunciar un descanso indefinido nas súas xiras.
Festas do Cristo
“A presenza e o impulso dun concerto como o de Coque Malla nas festas do Cristo dá á nosa vila un plus de interese dentro da ruta do Camiño Portugués, e unha excusa perfecta para achegarse á gastronomía, ao patrimonio e, sobre todo, á cultura loca, que esa noite tamén terá presenza no escenario da man do artista local Raúl Ben”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Coque Malla e a súa banda, ademáis de presentar as cancións do seu último disco, farán un repaso a toda a súa traxectoria: desde o seu debut adolescente cos Ronaldos con cancións como ‘No puedo vivir sin ti’, ‘Adiós papá’ ou ‘Por las noches’, ata ‘Una sola vez’, o seu último éxito.
‘Louro Valley Festival’
Contar cunha programación musical do Xacobeo 21·22 na vila, significa tamén ofrecer unha oferta atractiva para os peregrinos que necesariamente paran no pobo, ao ser fin dunha etapa e comezo da seguinte, con todo o que isto supón. Ofrecerlles experiencias coma esta, en forma de música de calidade, de desfrute e goce na parada intermedia, ademais da gastronomía ou o patrimonio.
A entrada ao concerto será libre, ata completar aforo, e a continuación, celebrarase o “Louro Valley Festival”.