Os sábados 1, 8, 15 e 22 de outubro
O Museo de Pontevedra programará catro obradoiros artísticos experimentais dirixidos a familias e xirarán arredor do Camiño, as súas paisaxes e as persoas que o percorren, motivando a reflexión das persoas participantes.
En outubro
Estes obradoiros, que se desenvolverán os catro primeiros sábados de outubro (1, 8, 15 e 22) de 11.30 a 13.30 horas no Edificio Castelao, están dirixidos a público familiar co obxectivo de favorecer o intercambio xeracional.
Deste xeito, cada nena ou neno estará en compañía dunha persoa adulta, ata un máximo de 12 parellas por sesión. Ademais, haberá prazas reservadas para nenas e nenos con necesidades especiais. A inscrición ábrese hoxe a través do correo electrónico [email protected].
‘O Museo en Camiño, volta á ruta’
Esta actividade forma parte do proxecto ‘O Museo en Camiño, volta á ruta’, que inclúe tamén accións didácticas en centros escolares da provincia.
Desde o 16 de setembro, desenvólvese un programa didáctico itinerante para achegar o patrimonio do Museo a cinco pequenas poboacións situadas no Camiño Portugués.
O proxecto xa pasou por Barro e Catoira, e chegará en próximas datas ao CPI de Pontecesures (29 de setembro), ao CEIP de Ponte Sampaio (3 de outubro) e ao CEIP Outeiro das Penas de Cesantes (11 de outubro). Así, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria destes centros recibe a visita de Raquel Queizás, que fai unha representación teatral baseada na escolma de pezas representativas da colección do Museo.