De Estaca de Bares ás Rías Baixas
Nas últimas semanas, a organización ecoloxista ADEGA vén recibindo varios avisos da presenza de aves migradoras presuntamente afectadas por gripe aviaria nas costas galegas, procedentes probablemente do Norte de Europa.
Nas Rías Baixas, de Ribeira ata A Guarda
Estanse a atopar, principalmente, exemplares adultos e inmaturos de mascatos (Morus bassanus) mortos ou con síntomas de estar infectados. Algunhas das observacións de mascatos infectados producíronse na punta de Estaca de Bares e o litoral das Rías Baixas, desde Ribeira ata a Guarda.
Hai unha semana tamén foi atopado morto un carrán común (Sterna hirundo) na lagoa norte de Baldaio con síntomas desta doenza. Estes achados posiblemente sexan a punta do iceberg dunha mortaldade severa destas aves fronte ás nosas costas.
En relación con isto, grupos de observadores/as de aves advirten dun decrecemento acusado do número de mascatos e doutras aves mariñas, como as palleiras grandes (Stercorarius skua), avistados na súa ruta migratoria que discorre fronte as costas galegas desde Estaca de Bares. O número de mascatos e palleiras grandes observados en agosto e setembro fonte ás costas de Ribeira é de 5 e 10 veces menor que en anos precedentes.
Gripe xa detectada pola Xunta
Estes datos, xunto cos casos de gripe aviaria xa detectados pola Xunta a mediados de setembro nas praias de Raeiro (O Grove), Razo (Carballo) e no porto de Cabanas (Muros), e a alerta de Gran Bretaña sobre a propagación desta doenza desde o inverno pasado en varias das súas colonias de aves mariñas (que agora migran cara ao sur), ponnos diante dun gromo de gripe aviaria que podería non ter precedentes e acabar matando milleiros de aves silvestres en Galiza e en toda Europa e afectando tamén ás aves domésticas.
Que é a gripe aviaria e como afecta as aves?
A gripe aviaria hoxe en día é unha das principais causas de mortaldade masiva de aves, tanto domésticas como silvestres. É unha enfermidade infecciosa, orixinada polo virus da gripe tipo A, que se propaga principalmente de ave en ave polo contacto coa saliva e/ou excrementos infectados.
O tipo H5N1 da gripe aviaria identificouse hai menos dunha década en granxas avícolas de China, chegando ao Reino Unido arredor de 2005. Cos anos foron aparecendo variantes en aves silvestres, pero a última, identificada en 2021, está a ter unha especial propagación e incidencia en Europa.
Ata o momento, a transmisibilidade do virus ás persoas é moi baixa, e os casos atopados foron excepcionais, en persoas que tiveron un estreito contacto ou convivencia con aves infectadas. Porén, o contaxio entre aves silvestres e domésticas adoita ser elevado, tanto por contacto directo como indirecto.
Un dos síntomas que evidencian a presenza de gripe aviaria atópase nos ollos das aves, que viran totalmente a negro debido ao edema de córnea que produce a infección, como fase previa á queratite e cegueira nas aves.
Casos en Gran Bretaña
Xa no inverno de 2021-2022 confirmouse en Gran Bretaña que a presente variante da gripe aviaria H5N1 é altamente patóxena (HPAI) en aves acuáticas silvestres e aves de rapina.
Daquela, arredor de 4.000 gansos de cara branca (Branta leucopsis) morreron por esta causa en Escocia, e foron centos os grous (Grus grus) que sucumbiron en Israel por esta doenza orixinada en granxas avícolas. E na primavera deste ano, o gromo H5N1 foi confirmado en varias das colonias de aves mariñas e noutras especies do Reino Unido, Irlanda, Francia e Países Baixos.
Desde entón, o goberno británico vén publicando semanalmente os achados de aves silvestres con gripe aviaria, así como as localizacións das zonas de control e seguimento da doenza, establecendo determinadas áreas como zonas de prevención da gripe aviaria.
En Gran Bretaña, a última vaga de gripe aviaria xa confirmou máis de 1.000 casos de infección e está considerada a máis grave da historia, xa que afecta a distintos tipos de aves e de forma moi xeralizada. Os informes revelan mortaldades altas de palleira grande (Stercorarius skua), carráns como o cristado (Thalasseus sandvicensis), parrulos como o éider común (Somateria mollissima) e álcidos como o arao dos cons (Uria aalge). Pero éo mascato atlántico (Morus bassanus) o que está a perecer en grandes números, afectando as colonias máis importantes do mundo, como a de escocesas de Noss, Foula, Troup Head e Bass Rock.
Que debería facer a Xunta para frear a gripe aviaria?
ADEGA considera que a situación é suficientemente grave como para urxir ao goberno galego que adopte medidas inmediatas que procuren frear o andazo da gripe aviaria nas costas galegas, así como adoptar as necesarias medidas de prevención da saúde pública e de divulgación de cara á poboación.
Desde ADEGA urxen á Xunta para que:
Informe periódica e publicamente do alcance do risco de gripe aviaria nas costas galegas e que se actualice diaria (ou semanalmente) dita información, no sitio web da Consellaría de Medio Ambiente.
Realice unha campaña activa de información á poboación galega sobre o que facer e non facer no caso de atopar unha ave acuática presuntamente afectada pola gripe aviaria, sexa morta ou enferma, e que se estableza un número de teléfono directo e operativo de luns a domingo, para dar aviso dos achados de aves infectadas ou mortas, e para asesorar ao público xeral diante destes casos.
Se aplique un plan e un protocolo específico de resposta urxente e segura, que inclúa a vixilancia coordinada de aves silvestres e domésticas, a retirada segura das aves mortas ou infectadas, a realización dun inventariado e instrucións claras de manexo na recollida e de atención nos centros de recuperación.
Se actualice a listaxe de zonas de prevención da gripe aviaria, incluíndo todos os concellos do litoral, así como que amplíe a listaxe de especies de aves silvestres máis afectadas, incluíndo as aves mariñas.
Se elabore un plan de protección das granxas de aves domésticas máis vulnerables á gripe aviaria.
Se doten os Centros de Recuperación da Fauna Silvestre dos recursos materiais e humanos necesarios, con actividade reforzada nas fins de semana.
Se dote de maior financiamento e reforzo de persoal á Gardaría de Medio Ambiente da Xunta para lograr unha cobertura satisfactoria do litoral fronte á aparición de aves mariñas mortas ou enfermas.
Como axudar ou que facer se atopamos aves mortas ou con síntomas da enfermidade?
- Nunca debemos tocar unha ave morta ou con síntomas de estar enferma.
- Chamar de inmediato ao teléfono gratuíto de emerxencias, o 112, ou ao Centro de recuperación de fauna silvestre máis próximo.
- Evitar pasear o can por unha zona na que se teñan confirmado ou haxa sospeitas de casos de gripe aviaria. Se non podes evitalo, lévao atado con correa. Isto reducirá o risco de contacto coa enfermidade.
- Para evitar a propagación da doenza en aves domésticas, reforzar a hixiene. Limpar semanalmente os comedeiros de aves e cambiarlles a auga con alta frecuencia.