O alcalde apunta que suporá un aforro enerxético do 69,51%
O Concello de Covelo que vén de conseguir o apoio do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía de España (IDAE), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, para o cambio a tecnoloxía LED do alumeado público exterior.
Máis de 900.000 euros
Dando cumprimento aos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías polo clima, o goberno local presentou o proxecto ao IDAE, que acaba de concederlle 904.444€, subvencionando así o 100% do importe solicitado.
Preto de 1.400 puntos de luz
O concello actuará en 1.398 puntos de luz dos 1.563 existentes para substituir as luminarias actuais por novas de tecnoloxía LED, as restantes xa contan con esta tecnoloxía. Ademais, tamén reformará 81 dos 84 cadros existentes para adaptalos á normativa vixente e instalarase un sistema de telexestión en cabeceira que permite obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos.
Con esta actuación diminuirase a potencia de 139,71 kW a 53,71kW e conseguirase un aforro enerxético de arredor do 69,51%.
Alumeado eficiente e redución das emisións de CO2
Covelo aposta por un alumeado eficiente e pola redución das emisións de CO2 contribuíndo na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, sinala o alcalde.
Pablo Castillo, adianta que o Concello está en disposición de afrontar este gasto e adiantar os cartos para executar as obras que logo serán retornados ao ter acadado esta axuda financiada polos fondos Next Generation da Unión Europea a través do Goberno de España.
“É responsabilidade de todas e todos contribuír na mellora do noso futuro e como administración pública debemos sumarnos ao cambio necesario para a protección do planeta“, subliña o alcalde.
Castillo subliña que “a tecnoloxía LED ten unha vida útil maior, reduce o gasto enerxético, non contén mercurio sendo máis respectuosa co medioambiente e contribúe na redución das emisións de CO2, tamén permite regular a intensidade segundo as necesidades e facer así un uso máis responsable dos recursos”.