Este mércores, 5 de outubro
A Xunta de Galicia publicou este martes a convocatoria do programa de axudas para financiar obras de mellora da accesibilidade no eido residencial, cun orzamento previsto para este ano de 4,3 millóns de euros.
Solicitudes: do 5 de outubro ao 7 de novembro
Os incentivos poden chegar ata os 18.000 euros por vivenda en determinados supostos e as subvencións que poderán solicitarse a partir deste mércores, día 5 e ata o vindeiro 7 de novembro, van dirixidas a apoiar aos propietarios no financiamento de intervencións sobre vivendas unifamiliares e edificios de uso colectivo, incluíndo obras tanto nos espazos comúns do inmoble como individualmente nas vivendas que o compoñen.
Propietarios, usufructuarios e comunidades
Poderán acollerse ao programa as persoas propietarias ou usufrutuarias dos inmobles, as comunidades de veciños ou as sociedades cooperativas.
O obxectivo é levar a cabo actuacións que permitan suprimir barreiras arquitectónicas en edificios e vivendas de uso residencial. En concreto, entre as obras subvencionables inclúese a instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou motorizados para a apertura de portas; as reformas dos accesos desde a vía pública; a colocación de produtos de apoio como guindastres, sistemas tecnolóxicos de guiado, sinais luminosos e visuais e dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.
Obras posteriores a 1 de xaneiro de 2022
As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin finalizadas antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, o prazo de cada obra non poderá exceder de 12 meses en vivendas unifamiliares e de 24 meses en edificios residenciais.
Máximo o 60% do custo da mellora
No que respecta á contía das axudas, chegarán a, como máximo, o 60% do custo da actuación, aínda que esta porcentaxe poderá subir ata o 80% se na vivenda ou no edificio en cuestión reside unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
Axudas concretas
Máis polo miúdo, no caso de que a subvención se solicite para intervir sobre un edificio co fin de mellorar a súa accesibilidade, os incentivos serán de ata 9.000 euros por vivenda e de 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial.
Se a solicitude de financiamento ten que ver cunha actuación que se realiza no interior dunha vivenda que forma parte dun edificio residencial colectivo, o importe da axuda será de 6.000 euros, e por último, se se trata dunha unifamiliar, o propietario poderá recibir ata 12.500 euros para facela máis accesible.
En calquera caso, nos tres supostos a axuda incrementarase ata os 15.000 euros por vivenda se na mesma reside unha persoa con discapacidade e ata os 18.000 euros se acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
Ademais, no suposto de edificios ou vivendas Ben de Interese Cultural (BIC), catalogados ou que teñan algún tipo de protección, os importes mencionados poderán incrementarse en 3.000 euros.