O Concello de Tui investiu 25.000€ na súa construción
Onte inaugurouse no CEIP de Caldelas un novo servizo de comedor escolar co que conta o centro neste curso 2022/23. O Concello de Tui investiu 25.000€ nas obras para acondicionar o espazo que acolle o comedor.
En concreto, en Caldelas, máis de 20 nenos e nenas beneficiaranse deste novo servizo que xa o luns abría as súas portas para ofrecer xantares variados e nutritivos ao alumnado inscrito.
Unha prioridade do Concello
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os comedores escolares son “unha das prioridades en materia de equipamento educativo ante á, cada vez, maior demanda”. Este novo espazo en Caldelas, lembrou o alcalde, súmase ao inaugurado en Randufe, e reforzará un servizo que antes só demandábase en zonas urbanas pero que “agora é moi necesario tamén no rural”.
Neste senso, a concelleira de Educación, Sonsoles Vicente, salientou a boa acollida do mesmo o que reflicte o necesario que era para a comunidade educativa, alumnado e familias. Tamén quixo reforzar o compromiso que o Concello de Tui adquiriu cos centros públicos e afirmou que “traballará para que todos os colexios poidan dispoñer de comedor”, sendo o de Guillarei o seguinte centro que porá o seu en marcha.