Os días 19 e 20 deste mes
Sevilla e Bilbao tómanlle o relevo a Madrid e Valencia e acollerán o mércores 19 e o xoves 20 de outubro a ata 32 empresas da provincia de Pontevedra das que 16 exercen a súa actividade nas comarcas de Vigo e O Baixo Miño.
“Somos a única administración provincial galega –sinalou hoxe a presidenta da Deputación– que realiza estos eventos de promoción e comercialización do destino que realmente son un grande éxito”.
Plan Estratéxico Provincial de Turismo
As actividades, que forman parte do Plan Estratéxico de Turismo provincial para o 2021-2023, terán lugar na Sala Metropol de Sevilla o mércores 19 de outubro e no Yimby Bilbao Ercilla o xoves 20. Ata alá desprazaranse, xunto a representantes da Deputación encabezadas por Carmela Silva, responsables de entidades de Vigo como Alda Hotels (Hotel Alda Vía Norte, Hotel Alda Puerta del Sol, Apartamentos Alda Porta do Sol e Hotel Alda Estación Vigo), Hotel Attica 21 Vigo, Hotel Bahía de Vigo, Hotel Ciudad de Vigo/Axis Vigo, Hotel OCA Ipanema, Hotel Zenit Vigo, Pazo Los Escudos Hotel&Spa Resort, Vio Viajes e Sailway.
Baixo Miño
Tamén participarán outras dúas empresas da comarca do Baixo Miño como as adegas Terras Gauda do Rosal e o Hotel Talaso Atlántico de Oia. Amais destas entidades, participan outras dezaseis da provincia que representan todos os sectores relacionados co turismo, dende hoteis a axencias receptivas, adegas, casas de turismo rural, empresas de aluguer de barcos a motor e vela, ademais da Ruta do Viño Rías Baixas, do Museo de Pontevedra e os castelos de Soutomaior e Sobroso.
Presentación do destino Provincia de Pontevedra
Os workshop que a Deputación organiza este mes en Sevilla e Bilbao comezarán coa posta en contacto das empresas turísticas da provincia e as sevillanas e bilbaínas. Está previsto que todas elas teñan encontros networking con máis de 130 empresas de Sevilla e Bilbao coas que se agardan pechar negocios turísticos.
Trala parte comercial terá lugar unha presentación de destino, na que a Deputación dará a coñecer a campaña de promoción de Pontevedra Provincia ante o público de ámbalas dúas cidades.
O pasado ano, tal e como recordou a presidenta Carmela Silva, en Madrid e Valencia tiveron lugar ata 3.000 citas directas e encontros con máis de 160 firmas.