O Goberno investirá 9,5 millons no aeroporto de Vigo entre 2022 e 2023
O delegado do Goberno en Galicia destacou este xoves o “impulso do Goberno ás conexións da área de Vigo”. José Miñones, puxo en valor os investimentos do Executivo en Peinador, que suman 9,5 millóns de euros entre 2022 e 2023. Fíxoo durante unha visita esta mañá á terminal viguesa para supervisar os diferentes investimentos e melloras que o se están a executar. Durante a visita estivo acompañado pola directora do aeroporto, Ana Molés.
7,7 millóns en 2022
O delegado destacou os 7,7 millóns de euros que o Goberno inxectou no aeroporto durante o 2022, co obxectivo de que “esta infraestrutura, de vital importancia para o sur de Galicia, poida ser máis eficiente“
Así, Miñones anunciou que os novos mostradores de facturación e o novo sistema de inspección de equipaxe en adega estarán finalizados antes da primavera. Ambas actuacións suman un investimento de 4,8 millóns de euros. Ademáis, informou que as obras de adecuación da franxade pista aos requirimentos das normativas europeas xa están en execución e avanzan a bo ritmo.1,8 millóns en 2023
O delegado apuntou que “estas actuacións permitirán mellorar a seguridade do aeroporto e os servizos ofrecidos aos pasaxeiros e pasaxeiras”. Así mesmo, anunciou que “o Goberno dará continuidade á súa aposta pola mellora do aeroporto de Vigo” durante o próximo ano cun investimento de 1,8 millóns de euros.
E outros 13,6 millóns de euros de investimento nos próximos 5 anos
José Miñones lembrou que o investimento do Estado en Peinador ascenderá a 13,61 millóns para o próximos cinco anos, como recolle o Documento de Regulación Aeroportuaria (DORA) 2022-2026.
“Hoxe podemos dicir que a mellora do aeroporto de Vigo está en marcha grazas a un investimento próximo aos 14 millóns de euros, para dar un mellor servizo aos vigueses e a quen visita a cidade nos próximos anos, nos que se espera unha reactivación do tráfico aéreo”, concluíu.