Para reivindicar e visibilizar o papel da muller na produción audiovisual
O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo volverá a acoller desde o 28 de outubro e ata o 24 de novembro unha nova edición de “Cinema Mulleres”, iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e o Consulado da República Arxentina para reivindicar e visibilizar o papel da muller na produción audiovisual nos dous lados do Atlántico.
Máis días de proxección…nas dúas beiras do Atlántico
Este segundo ciclo de cinema feminista volve aínda con máis forza, xa que aumenta os días de proxeccións que, amais, dan o salto cruzando o charco ata Arxentina, para chegar ao Centro Cultural 25 de Mayo en Bos Aires.
Cinema Mulleres ofrecerá este ano a proxección de ata sete curtas e longametraxes asinados por mulleres galegas e arxentinas, que serán abertas ao público.
Proxeccións
Son a longametraxe galega “Onde máis doe” e a curta arxentina “La cuarta ola”, que se proxectarán no Marco o 8 de novembro; a longametraxe arxentina “Las motitos” e a curta galega “”Benvidas ao club” o 17 de novembro; e finalizará en Arxentina o 24 de novembro no Centro Cultural 25 de Mayo de Bos Aires coa proxección das curtas galegas “Feminazi” e “As mulleres salvaxes”, e da longametraxe, tamén galega, “A poeta analfabeta”.
Este ciclo pretende construír coñecemento compartido e fomentar pensamento crítico sobre a desigualdade de xénero no cinema, reflexionando a partir da produción audiovisual galega e arxentina feita por mulleres.
Gafas violetas
Nesta colaboración interinstitucional da Deputación co Consulado, tamén destaca o labor do Instituto Nacional de Cine e das Artes Audiovisuais da Arxentina (INCAA), este ano máis presente a través da presenza da coordinadora do programa “Gafas Violetas” que traballa na implementación de políticas públicas pola equidade de xénero.
Coloquio
Previamente e como antesala do ciclo de proxeccións, o próximo 28 de outubro celebrarase unha xornada coloquio na Galería A3 do Marco, tamén aberta á participación do público, na que participarán Lorena Daamonde, coordinadora do programa Gafas Violeta; Manane Rodríguez, directora de “Onde máis doe”; Alexandra Vázquez, actriz de “Benvidas ao Club”; Diana López, directora de “Feminazi”; Sonia Méndez, directora de “A poeta analfabeta”; e Eire García, directora de “As mulleres salvaxes”. Tamén, vía Zoom, participarán Carolina Zarzoso, programadora do Centro Cultural 25 de Maio de Bos Aires; Malena Chabrol, directora de “La cuarta ola” e Inés Barrionuevo, directora de “Las motitos”.
O debate estará centrado nas desigualdades que as mulleres no cinema sofren que tamén reflicten nas súas producións. A pesar da infrarrepresentación actual das mulleres no sector son moitas as que utilizan esta disciplina artística como ferramenta de cambio social, como vehículo para contar as historias das mulleres, moitas veces silenciadas, invisibilizadas, obviadas e mesmo censuradas.
As persoas interesadas en asistir á xornada e ás proxeccións poden inscribirse xa no enderezo [email protected]