O plan bianual de investimentos en camiños e estradas contará con 300.000 €
O Concello de Mondariz completou este mes de outubro as obras incluídas no Plan Marco 2021-2022 para a mellora de camiños municipais, cun orzamento de preto de 70.000 euros.
140.000 euros en melloras viarias
Estas actuacións consistiron na mellora da pavimentación de tres camiños: dous localizados na parroquia de Vilar e nos límites coa parroquia de Riofrío (lugares da Igrexa-Pé do Muíño e Casares), e un na parroquia de Lougares (lugar do Porrón).
Con estas obras, o Goberno de Mondariz leva investidos este ano uns 140.000 € en melloras viarias. Así, durante os primeiros meses de 2022, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, realizáronse obras de mellora da pavimentación e asfaltado en varios camiños das parroquias de Riofrío (Coto Ribeiro e Arnela); Lougares (A Chouteira); Queimadelos (Outeiro da Cruz e Costa da Carrapita) e Mondariz (rúa Ramón y Cajal). Estas obras incluíron actuacións adicionais sobre as canalizacións e a rede de saneamento nalgúns treitos.
Investimento bianual de 300.000 euros
Para o Goberno de Mondariz a mellora dos servizos municipais máis básicos é unha “prioridade”, como ratifica a “distribución dos fondos do Plan Concellos” e o aproveitamento das oportunidades de financiamento público para emprender proxectos de aforro e eficiencia enerxética.
Por iso, seguindo esta liña, para os anos 2022 e 2023 está planificado un investimento de 300.000 € que vai beneficiar a 19 lugares de nove das doce parroquias do Concello de Mondariz.
Actuacións en todo o concello
Tendo en conta iso, o alcalde, Xosé Emilio Barros, apunta que nestes dous anos están previstas obras de reparación de estradas e pavimentación de pistas de terra en Mondariz (Camiño da Feira-A Pedreira, Casares-O Sesteiro e dous treitos nas Paredes); Frades (dúas pistas en Aboal e varios treitos en Quintáns); Gargamala (unha pista en Boente e varios treitos en Mourelle); Toutón (Lordelo e lugar da Igrexa); Sabaxáns (Coto, Porta Nova e lugar da Igrexa); Riofrío (Cavada Nova), Lougares (pista en Santa Baia); Mouriscados (lugar de Fontebalán) e Meirol (A Vermella e A Goleta).
Obras dende 2019
A estas actuacións hai que engadir que nos 2019, 2020 e 2021, o Concello de Mondariz acumulou máis de 400.000 € de investimento en melloras de pavimentación e asfaltado, fundamentalmente. Así, este desembolso previsto, sumado ás actuacións xa realizadas, suporá case 1 millón de euros destinado a melloras viarias.