Asegura o concelleiro do BNG na cidade
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de respostar ao acto no que o Abel Caballero activou a conta atrás para o acendido do alumeado de Nadal. Así, o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía reiterou a necesidade de que o Concello poña en marcha un Plan de Choque contra a Pobreza Enerxética.
19.000 fogares de Vigo en situación de “pobreza enerxética”
Xabier P. Igrexas, afirmou que “a conta atrás que verdadeiramente lle importa ás familias traballadoras da cidade, ás viguesas e aos vigueses, son os días que faltan até a próxima factura da luz”. Nesta liña advertiu que más de 19.000 fogares vigueses están en situación de pobreza enerxética e alertou de que é unha situación que se sigue agravando polos prezos desorbitados da electricidade e o contexto de “grande carestía da vida“.
Plan de choque dende o Concello
Por todo isto, Igrexas reiterou a súa proposta, formulada en febreiro, “non atendida” polo Goberno municipal para que o Concello de Vigo poña en marcha un Plan de Choque. Este debería abranguer liña de axudas extraordinarias aos fogares e familias de menores recursos; o despregamento dunha rede de apoio e asistencia á veciñanza fronte aos “descarados abusos das grandes empresas do oligopolio eléctrico”e, por último, medidas para garantir o confort térmico para o conxunto da cidadanía.
Mobilizar os grandes recursos económicos municipais
Por último, o BNG defende que se mobilicen os “inxentes recursos económicos, dos que presume estes días Abel Caballero“, para evitar que este inverno volva haber casas nas que se teña que escoller entre pasar frío ou fame.