O edificio adáptase a esta nova función
O Concello de Nigrán dá o seu primeiro gran paso para contar cunha verdadeira Escola Municipal de Música establecendo a sede na vella Biblioteca do Ceán. Alí os 80 alumnos de Guitarra, Violín, Piano e Linguaxe Musical reciben xa desde esta semana as clases de mans dos dous profesores do Concello, Manuel Cebrián e Olga García.
Ensino musical nun mesmo edificio
Deste xeito, por vez primeira se centraliza a ensinanza musical nun edificio propio (ata agora se distribuían en diferentes espazos municipais). O obxectivo do Goberno local é ir ampliando nos sucesivos cursos especialidades. Así, entre elas, ‘Música e Movemento’ para crianzas e actividades de conxunto, requerimentos básicos para poder constituírse como Escola Municipal de Música.
Un inmoble perfecto para esta actividade
O edificio do Ceán adáptase á perfección a esta nova función e non precisa unha gran reforma, se ben durante as vacacións do verán o Concello aproveitará para insonorizar mellor o espazo ou cambiar algunhas xanelas.
“É o sitio idóneo, un edificio histórico en Nigrán que antes de ser biblioteca foi Casa Consistorial, céntrico e con capacidade para medrar como Escola Municipal de Música”, explica o alcalde.
Un novo piano
O Concello investíu no ano 2020 un total de 9.500 € na compra dun piano de cola para poder incorporar este instrumento á oferta municipal e a maiores incluíu tamén ‘Linguaxe Musical’.
Unha das novidades deste curso é a adquisición dun piano eléctrico por 2.500 € para así destinar o de cola do Auditorio a concertos ou clases máis avanzadas.