Seguen coas mobilizacións diarias
Os traballadores do Grupo Urbano Bernabé, contrata de Stellantis Vigo que se encarga da limpeza e do
estibado dos contedores e dos embalaxes baleiros da fábrica, cumpren este xoves 24 días en folga indefinida.
Dende o pasado día 3, rexeitan así «os plans da compañía de precarizar as condicións de traballo».
60 empregados
Segundo denuncian os representantes dos traballadores, a dirección pretende substituír de xeito unilateral o actual convenio provincial de limpeza de Pontevedra polo de Transporte de Mercadorías por Estrada, co conseguinte prexuízo económico, social e de estabilidade laboral para os arredor de 60 traballadores.
Obrigación de subrogar aos traballadores
En virtude deste convenio, o de Limpeza da provincia de Pontevedra, as distintas empresas concesionarias do servizo ao longo destes anos estaban obrigadas a subrogar os traballadores e as súas condicións laborais, “algo que non sucederá se Urbano Bernabé pasa a aplicar o de Transporte de Mercadorías por Estrada“.
Este convenio, sinalan os representantes sindicais, “nada ten que ver coas labores que realizar o persoal da empresa”, polo que para o Comité está moi claro que «o que pretende a dirección é precarizar as condicións laborais».
Multiplícanse os recortes
Os sindicatos, que levan a cabo mobilizacións diarias, censuran que dende que este grupo empresarial se fixo cargo do servizo os recortes que se veñen sucedendo dende hai anos – con externalización de labores a outras empresas con condicións laborais máis precarias- non fixeron máis que multiplicarse, ao tempo que «aumentaron tamén os abusos e os incumprimentos».