Denuncia a Oficina de Dereitos Sociais de Coia
Hai dous anos o alcalde recoñecía que os perceptores do Ingreso Mínimo Vital (IMV) non tiñan acceso á tarxeta social de Vitrasa...e a situación non cambiou.
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS) informa de que esta semana unha muller contactou co punto de información e relatou o seguinte rea. É beneficiaria do IMV. Acode a Vitrasa para preguntar polas bonificacións no uso do transporte público. Alí dinlle que non ten dereito á tarxeta de “pensionista” a cal posibilita viaxar en bus urbano de xeito gratuíto. Malia cobrar unha axuda social, con contía e características semellantes ás da RISGA ou á da Pensión Non Contributiva, non ten dereito a dita bonificación.
Dende a ODS preguntan a Vitrasa, e a resposta é: “Bos días: Comunicámoslle que o IMV non se atopa comtemplado nos requisitos para a tarxeta “pensionista. Un saúdo“.
O Goberno municipal non fala disto
“Da morea de notas de prensa que diariamente emite o Goberno municipal non atopamos ningunha na que o alcalde ou Yolanda Aguiar, concelleira de Benestar Social, falen sobre isto”, engaden.
“Doe máis saber que a concelleira ben coñecedora do IMV non é quen de resolver isto. Ela participou (descoñecemos se o fai na actualidade) en xuntanzas estatais nas que se falaba do desenvolvemento e dos problemas na cobertura desta prestación. A concelleira sabe que as veciñas de Vigo que cobran o IMV, dous anos e medio despois da posta en marcha desta prestación, fican sen dereito a transporte público gratuíto”.
Cambiar esta situación
Ante esta realidade a Oficina de Dereitos Sociais solicita que, “de inmediato resolvan isto”. Defenden que hai que mudar a organización da mobilidade en Vigo e que son moitas as voces que levan anos esixindo modelos de transportes, “máis acordes coas necesidades das persoas, respectuosos co planeta e que superen os intereses de empresas ás que só lles move ver medrar os seus beneficios”.
O Ingreso Mínimo Vital chegou só a un 40% das peroas que o precisan
José Luis Escrivá -ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións- aproveitando o Día Internacional para a Erradicación da pobreza anunciaba a posta en marcha do autobús do Ingreso Mínimo Vital (IMV) que vai percorrer diferentes puntos do estado para informar e axudar na tramitación desta prestación.
Pero, a realidade é que, indican dende a ODS, a nova propaganda do ministerio pasaba de esguello por estes datos:
– O IMV só chegou ao 40% dos fogares con dereito á prestación.
– Tan só 1 de cada 10 empobrecidas no Estado o perciben.
– Segundo datos da Seguridade Social no mes de xullo o número de fogares que percibían o IMV era de 380.000, dato que chocaba coa meta do Goberno de chegar a unha cobertura de 850.000 fogares.
– Tan só 1 de cada 5 solicitudes presentadas son aprobadas.