Sospeitan dun vertido de orixe industrial pola gran profusión de espuma e o cheiro sulfuroso
Ecoloxistas en Acción e a Asociación de Afectados polo Vial de Beade (AVIBE) alertan dun “novo vertido” no río Eifonso “de procedencia industrial, con toda probabilidad, polo seu alto contido en xofre”.
As Administracións non investigan as causas
Denuncian que os últimos tempos veñen producíndose continuos vertidos a este río “sen que as administracións actúen para investigar as súas causas”.
As organizacións denunciantes subliñan que o río Eifonso é o segundo ecosistema fluvial máis importante de Vigo e debería ser protexido con algo máis de celo por parte das administracións competentes.
Xa pasara en agosto
A principio de agosto pasado, as dúas asociacións, máis Bembrive en Pé tamén denunciaran ante Augas de Galicia e o Concello de Vigo os continuos vertidos ao río Eifonso “realizados pola empresa que está realizando as sondaxes para a construción do túnel da nova autovía A-52 Vigo-O Porriño”.
A veciñanza da parroquia viguesa de Bembrive, indicaban, “ten constancia dos mesmos e sinalan, proceden das perforacións realizadas no lugar de Palames, preto do muiño do Cristino, segundo recoñeceron os propios traballadores da obra a veciños da parroquia”.
Daquela, solicitaron a ambas administracións que se paralicen os traballos das sondaxes ata garantir que non se van producir máis verteduras e «ademais que se sancione a empresa por esta agresión ao medio ambiente».