Serán os días 11 e 12 deste mes de novembro
As IV Xornadas Contra a Impunidade Franquista organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra debaterán este 2022 sobre a “demonización” de opcións políticas e ideolóxicas deturpadas polo réxime.
‘As ideas furtadas’
Baixo o título ‘As ideas furtadas’, esta nova edición celebrarase os días 11 e 12 de novembro coa participación de relatoras como Manu Levin, Pilar Allegue, Fernando Rueda, Aitor Esteban (PNV), Olaia Rodil (BNG) ou Joan Tardá (ER), entre outras. A inscrición -por estrita orde de entrada- xa está aberta en depo.gal.
Memoria da represión
A deputada de Memoria María Ortega explica que as ‘Xornadas contra a impunidade franquista’ foron creadas no 2019 a fin de dispoñer dun espazo de debate aberto sobre a memoria da represión.
Así, a primeira edición centrouse na impunidade dos crimes da ditadura e a adhesión de varias familias de Pontevedra á querela arxentina. Na segunda falouse da Transición; na terceira da corrupción económica do franquismo, para nesta cuarta -e durante o chamado mes da memoria- analizar as ideas furtadas polo franquismo.
Persoas e ideas represaliadas
“Escollemos as ideas furtadas como tema porque entendemos que o mantemento durante catro décadas de ditadura dun pensamento único fixo que determinadas opcións políticas e ideolóxicas fosen ‘demonizadas’ e chegasen aos nosos días deturpadas polo relato imposto. É dicir, as vítimas non só foron persoas, tamén se represaliaron determinadas ideas como o anarquismo, a masonería, o republicanismo ou os nacionalismos diferentes ao español”, destaca Ortega.
Na IV edición das xornadas enumeraranse estas opcións desprestixiadas e debaterse ata que punto foron afastadas da actual democracia, ou mal vistas nela, para coñecer se foi total a pluralidade política, e contrapoñer as opcións arrebatadas ás impostas.
Programa, venres 11
A primeira conferencia versará sobre a influencia que ten sobre a cidadanía o relato transmitido desde o poder e como ese relato se pode utilizar para impoñer un determinado discurso, sexa ou non real.
O ponente de ‘As ideas roubadas e o relato oficial’ será Manu Levin filólogo, guionista en ‘El Intermedio’, e secretario de Discurso e Análisis Político de Podemos e responsable dos discursos e as campañas electorais de Pablo Iglesias entre 2017 e 2021.
Tras a conferencia inaugural, haberá unha mesa redonda baixo o título ‘Foi plural a democracia?’. Tres persoas que viviron a Transición explicarán a súa experiencia, se viron ou non cumpridas as súas expectativas co réxime do 78 e se cren que as súas ideas tiveron o debido respaldo democrático ou, polo contrario, seguen demonizadas pola democracia.
Falarán o socialista e masón José Vázquez Fouz; Pilar Allegue, integrante na Transición de opcións minoritarias no nacionalismo de esquerdas, e o anarquista Alberte de Esteban.
A xornada do venres pola tarde continuará coa conferencia ‘Os servicios segredos: ao servizo do rei’, a cargo do escritor Fernando Rueda, que falará sobre o papel que tiveron os servizos secretos na ocultación dos escándalos relacionados co rei emérito, tanto na ditadura como na democracia. Doutor en Xornalismo pola Universidade Complutense, Rueda é considerado o maior especialista estatal en materia de espionaxe.
O venres rematará coa proxección do documental ‘La cigüeña de Burgos’ e a presenza da súa directora, Joana Conill, filla do ex vicepresidente da Deputación de Barcelona, torturado e encarcerado en Burgos nos anos 60 pola súa loita contra a ditadura franquista.
Sábado, 12
A xornada do sábado pola mañá iníciase cunha mesa redonda baixo o título ‘A represión das identidades nacionais’, que pretende debater sobre a situación dos nacionalismos distintos ao español na actual democracia. A pregunta principal será “Segue a afectar á visión que a cidadanía ten dos nacionalismos periféricos a persecución á que foron sometidos durante a ditadura?”.
Falarán diso Aitor Esteban, voceiro do PNV no Parlamento estatal; Olaia Rodil, vicevoceira do BNG no Parlamento de Galicia e Joan Tardá, ex voceiro de ERC no Parlamento estatal.
Logo chegará a quenda da conferencia ‘O trauma franquista e a memoria da lingua’, a cargo do profesor Carlos Callón. O relatorio de clausura correrá a cargo da profesora Ana-Sofía Ferreira, quen fará unha comparativa sobre as políticas públicas de memoria postas en marcha en Portugal tras a revolución dos cravos e o tratamento da memoria histórica no estado español.
O programa finaliza cun roteiro pola cidade de Pontevedra, con parada en varias ubicacións relacionadas coa memoria a cargo da compañía teatral Os Quinquiláns, e coa actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.