Tamén esixe que se garanta que as persoas LGTBi non sofren acoso
Dende que a FIFA designase a Qatar como organizador do Mundial de Fútbol, no 2010, os ollos da comunidade internacional puxéronse nas condicións de traballo dos migrantes, os cales supoñen un 95% da forza laboral do país.
“Malas condicións, tratos degradantes e agresións sexuais“
Amnistía Internacional fixo un seguemento específico das súa situación, publicando varios informes que demostran as “malas condicións dos traballadores que participaron na construción das sedes do Mundial”. Esas condicións, tamén afectaron ás traballadoras domésticas, “sometidas a xornadas de 14 ou 16 horas diarias e trato degradante, chegando a denunciar casos de agresión sexual“, segundo recolle este reporte.
440 millóns en indemnizacións
Por todo iso, Amnistía Internacional e unha coalición doutras 9 organizacións prol-Dereitos Humanos instaban por carta ao presidente da FIFA, Gianni Infantino, a tomar responsabilidade no asunto. Na mesma pedíanlle establecer un programa de reparación aos traballadores mediante o pago de indemnizacións por valor de 440 millóns de dólares, “igualando a dotación en premios que recibirán os gañadores do torneo”.
En calquera caso, calcúlase que estes 440 millóns de dólares “só cubrirían parcialmente o total de salarios impagados e as indemnizar por lesións e mortes ás familias das vítimas,” tal e como se recolle en diversos documentos de Amnistía.
A FIFA quere que “se deixen de lado” os problemas dos Dereitos Humanos
Este chamamento tivo resposta por escrito por parte de Infantino solicitando ás 32 nacións participantes que “se centren no fútbol” e deixen de lado os problemas dos Dereitos Humanos.
“Estas declaracións desatenden o clamor popular que se se estende en redes sociais co hashtag #PayUpFIFA e que lles insta a tomar cartas antes de que se esgote o tempo“. Do mesmo xeito, tal e como revela unha enquisa encargada por Amnistía Internacional, o 73% dos afeccionados solicitan á FIFA que compense aos traballadores que sufriron abusos durante a preparación do Mundial.
Patrocinadores e seleccións…
Esta campaña de presión fixo que 4 patrocinadores do evento (Budweiser, Adidas, Coca-Cola e McDonalds) e 7 seleccións (Bélxica, Francia, Países Baixos, Inglaterra, Alemaña, Estados Unidos e Gales) se comprometeran a apoiar a iniciativa de indemnización. Igualmente, Inglaterra, Países Baixos, Dinamarca, Francia, Alemaña, Gales, Bélxica e Suíza tamén portarán un brazalete arcoiris para apoiar á comunidade LGTBI durante a competición.
…pero non a Federación Española
En relación á Real Federación Española de Fútbol (RFEF), “a poucos do inicio do evento non houbo ningunha resposta aos reiterados chamamentos ao apoio a estas dúas iniciativas, de modo que se resisten a facer respectar os Dereitos Humanos por parte do país anfitrión”.
Evolución histórica
Desde 2010, cando elixiu Qatar como sede da Copa do Mundo de Fútbol, “púxose en evidencia que a FIFA era coñecedora do historial de abusos contra os Dereitos Humanos no país. Con todo, non se estableceu ningunha medida relativa á protección laboral, facendo a vista gorda”.
Unicamente “a partir de 2017 o Goberno do Qatar cedeu á presión internacional e comezou a aplicar certas reformas xurídicas con pouca implantación real para mellorar as condicións de traballo dos empregados na construción e o ámbito doméstico”.
Sobre o papel limitábase a actividade nas horas de máis calor, creábanse tribunais laborais ou se establecían indemnizacións por accidente entre outras melloras. Deste xeito, asináronse certos acordos entre o país organizador e a FIFA. “Con todo, a realidade é que os traballadores seguen sufrindo abusos e explotación, o que lles expón a arrestos ou deportacións inxustificados, do mesmo xeito que non existe a protección sindical“. Todo iso detállase en varias reportaxes de Amnistía Internacional.