Para compensar o “agravio evidente en solucións de mobilidade para os cidadáns”
O voceiro do Grupo Municipal da Marea propuxo hoxe que o transporte urbano de Vigo sexa gratuíto durante os meses que dure a campaña do Nadal “polo agravio evidente en solucións de mobilidade que vai supoñer para os vigueses e viguesas”.
Rubén Pérez propón unha medida que xa opera para eventos concretos e mesmo de xeito permanente en varias cidades europeas. Se compensaría, así aos veciños que “ven como durante case catro meses a cidade se convirte nun embotellamento permanente“.
“A cidade, secuestrada para o desfrute de paseantes e excursionistas”
Pérez afirma que durante este tempo as opcións de tránsito quedan reducidas e “os tempos de traslado entre domicilios, lugares de traballo, de estudo ou centros sanitarios complícanse moito”. Por iso, que o billete de autobús sexa gratuito, é un “xeito de devolverlles o feito de que a súa cidade quede secuestrada para o desfrute de miles de paseantes e excursionistas”.
Marea de Vigo lembra ademais que o transporte público de Vigo xa está subvencionado nun 30% polo Goberno do Estado ate decembro, o que significaría un impacto menor nas arcas municipais.
Moitas obras no centro ao mesmo tempo
A este factor de dificultade de mobilidade súmase, a xuízo de Marea de Vigo, o feito de ter planificado erroneamente un macro centro comercial como Vialia con espazos de ocio no centro urbano, en lugar de ter adaptado a oferta deste espazo á realidade dunha estación intermodal, ademais do feito de ter retrasado, “de xeito delibero ou por incapacidade de xestión”, numerosas obras públicas nas rúas do centro da cidade ao mesmo tempo.
Decisións políticas, non técnicas
“O que provoca esta situación son decisións políticas, non cuestións técnicas ou accidentais”, subliña Rubén Pérez. As mesmas significan que “case catro meses ao ano complican a vida dos vigueses e viguesas, especialmente das persoas maiores e das que teñen que desprazarse necesariamente ao centro da cidade por motivos laborais ou escolares”.
A cidade en “estado de excepción”
Para o voceiro da Marea, “xa que non hai opcións de transporte urbano que conecten en tempos e frecuencias óptimas o centro e as parroquias”, o Concello debe asumir que son miles de vigueses os sacrificados e que “o retorno económico non pode ser a escusa para ter unha cidade en estado de excepción durante meses”.
Nadal equilibrado
“Os vigueses e viguesas teñen dereito a un desfrutar dun Nadal equilibrado coas súas vidas diarias, que conxugue descanso co lecer e fomento do consumo no comercio e hostalería local”.
Para Pérez, “o turismo excursionista, que en case todas as grandes cidades do Estado tenta reducirse, en Vigo chámase permanentemente a encher rúas e colapsar vías“. Por iso, “Vigo ten que apostar por un turismo que durma e consuma nos recintos hostaleiros de toda a cidade, non en dous quilómetros cadrados no centro exclusivamente”.