Dende as 22:00h. de este mércores e as 06:00h. do xoves
A execución das obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas fará necesario un corte de tráfico a madrugada deste mércores ao xoves. Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo dende as 22:00 horas de hoxe ata as 06:00 horas do xoves.
Montaxe das vigas
O motivo é a montaxe das vigas prefabricadas que conformarán o tableiro de 46 metros de longo, necesario para a construción dun novo paso superior que dea servizo ás vías locais do concello de Tui, en substitución do existente.
Itinerario alternativo
Para a realización destes traballos en condicións de seguridade, cómpre o corte total de ambas as calzadas da autovía durante a vindeira noite. Co fin de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo,
desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e logo á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido Porriño, pero á inversa.
Outro corte de tráfico do venres 25 a domingo, 27 de novembro
A intervención fará necesario un segundo corte de tráfico, previsto entre o venres 25 e o domingo 27, para acometer a demolición do paso superior.
Estes traballos forman parte da execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados de 2023, tras un investimento autonómico de 21millóns.
No que se refire á execución das obras, este tramo xa conta cos traballos previos practicamente rematados e o movemento de terras ao 75%. Na actualidade está a avanzar o estendido da capa intermedia de firmes no tronco da VAC, quedando pendente a actuación dos catro ramais de entrada e saída.