Galicia Vigo al minuto

A Deputación acende o motor do #25N

Co despregue das lonas que reivindican ‘Alianzas dende o feminismo’, en Pontevedra e Vigo

A Deputación acende o motor do #25N

Co despregue das lonas que reivindican ‘Alianzas dende o feminismo’, en Pontevedra e Vigo

A imaxe de tres mulleres fortemente unidas simboliza xa no balcón do Pazo Provincial de Pontevedra e na sede da Deputación en Vigo o lema “Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” co que este ano a Deputación de Pontevedra conmemora o #25N.

A presidenta, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente César Mosquera e deputadas e deputados provinciais, despregaron hoxe a pancarta reivindicativa da loita contra a violencia machista, que marca o arranque da programación provincial que se prolongará ata finais de ano baixo catro eixos: alianzas desde a comunicación, a educación, a cultura e a investigación e coñecemento.

‘Nin un paso atrás’

Carmela Silva aludiu ao lema escollido neste 2022 para subliñar que “é preciso establecer alianzas que non permitan nin un paso atrás nos logros conseguidos”. “Ante a negación debemos defender con argumentos o común denominador desta vulneración dos dereitos humanos. Asasínannos por ser mulleres”.

A presidenta, lembrou que “de novo estamos no tempo de estar alerta, vixiantes, porque todas as crises sempre fan que a igualdade retroceda e, esta vez, non o vai facer porque hai moitas mulleres aliadas contra as violencias machistas e as discriminacións”.

Programación

A programación da Deputación terá os actos centrais o vindeiro venres #25N, co Pleno da corporación provincial no que se dará lectura á declaración institucional a cargo da profesora Azucena Arias (12 horas) .

O mesmo día arrancará tamén a oitava edición de “Mulleres en acción. Violencia Zero” con dúas accións en Pontevedra e Vigo, a primeira ás 10.30 horas no Pazo Provincial, protagonizada pola compañía Duelirium e a actriz Mónica de Nut, que porán en escena un espectáculo con acrobacias.

Pola tarde, ás 18 horas, no MARCO de Vigo terá lugar a outra acción inaugural a cargo de Iria Sobrado, Ana Gesto e Elena Salgueiro con “Canon circular”.

Previamente, xa esta próxima semana celebraranse dous actos integrados na programación: o luns a presentación de Gegame, un novidoso proxecto cunha ferramenta educativa para promover a igualdade implicando á mocidade; a estrea do banco das mulleres da escrita nos xardíns do Pazo Provincial de Pontevedra e a inauguración o xoves 24 na sede de Vigo da mostra “Dende a fenda. Prácticas artísticas e feministas en Galicia”.

También te puede interesar