Convocada unha mobilización o vindeiro mércores, día 30
Vigo sairá, de novo á rúa en defensa da Sanidade Pública. A Plataforma ‘SOS Sanidade Pública‘ chama á cidadanía a participar o mércores 30 de novembro na CONCENTRACIÓN convocada ás 19h, diante do MARCO.
Atención Primaria, centros de saúde e Servizos de Pediatría
A convocatoría quere axudar a “salvar e fortalecer a Atención Primaria e o Sistema Sanitario Público, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta”. SOS Sanidade Pública alerta de que “a poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida nos Centros de Saúde, PAC e Servizos de Pediatría de Atención Primaria”.
Listas de espera
Ademáis, “soportamos listas de espera de días ou semanas e consultas masificadas; o peche de PAC e centros de saúde rurais; a perda da promoción, prevención, promoción, rehabilitación e atención ás enfermidades crónicas; e o
abandono da participación comunitaria”.
Persoal sanitario en condicións de inestabilidade e precariedade
Mentres, denuncian dende SOS Sanidade Pública, o persoal dos centros de saúde e PAC esta sometido a condicións de inestabilidade e precariedade laboral e a unha enorme presión asistencial por falta de recursos.
Por todo iso convoca á cidadanía a que demostre o seu “rexeitamento ao desmantelamento do Sistema Sanitario Público” e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que propón que o Parlamento de Galicia debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para garantir o servizo de Atención Primaria.