As protestas seguirán en decembro, os días 1 e 15
O cadro de persoal de Ilunion Servicios Industriales Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE, barallan convocar folga en defensa dos seus dereitos. A decisión pode tomarse logo de meses de mobilizacións para denunciar a “precariedade e a explotación laboral” que padecen as persoas con capacidades distintas que desenvolven o seu labor nas principais compañías do sector da automoción viguesa.
Suspenderan as protestas para negociar
En principio, os traballadores suspenderan as protestas durante un mes mentres negociaban coa dirección unha mellora salarial que finalmente non se aplicará. Isto é así, explican, porque “Ilunion pretendía a cambio flexibilizar aínda máis a xornada”. En consecuencia, a representación da CIG no comité de empresa (10 de 17 delegados/as) decidiu retomar en novembro as concentracións diante da sede da ONCE en Vigo. Estas mobilizacións continuarán os vindeiros días 1 e 15 de decembro de 10:45 a 11:45 horas.
620 traballadores
Segundo explica Quique Fernández, da Executiva da CIG-Industria, aos 620 traballadores que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que “contempla unhas condicións laborais e salariais precarias”. Por iso, e “a pesar de que realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal -Stellantis, Lear, Benteler ou Denso-, cobran o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e teñen a metade de dereitos“.
400 postos en Stellantis
De feito, denuncia que Stellantis ten externalizados até 400 postos de carretilleiros, montaxe e loxística a través de Ilunion que antes realizaba persoal contratado directamente pola antiga PSA Citroën e, polo tanto, se lles aplicaba o convenio propio desta empresa.
Ante esta “precarización do emprego disfrazada de integración laboral”, a CIG iniciou unha campaña para esixir que a estes empregados se lles aplique o convenio do sector no que prestan servizo (neste caso o do metal da provincia de Pontevedra) ou que se negocie un convenio propio para o centro vigués.
Elevados ritmos de traballo, horas extra e xornadas irregulares
No caso de Vigo, advirten dende a CIG, estes empregados malia cobrar o salario mínimo, “teñen que aturar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías da automoción”.
E iso a pesar de que, segundo o convenio dos centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo.
Ademais, “non están sequera recibindo a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas”.