Comeza, así, a Programación de Nadal
O Auditorio Mar de Vigo comezará esta fin de semana a súa programación de Nadal, e ao grande, cun dos espectáculos estrela deste ano. Trátase de “Peter, El Musical”, a renovada versión deste clásico que hai máis de 20 anos se representa nos teatros de todo o mundo, e que xa viron máis de 5 millóns de espectadores.
Unha versión non tradicional
Pero esta que chega a Vigo non é unha versión tradicional de Peter Pan, senón unha brillante posta en escena coproducida por Theatre Properties, Atresmedia e Grupo Eventix, que está recollendo grandes críticas por todas as cidades de España polas que ten pasado.
En “Peter, El Musical”, a historia do País de Nunca Jamás, cos seus míticos personaxes como Peter Pan e o Capitán Garfio, parte dunha escenografía coa última tecnoloxía que ata fará voar aos actores sobre o público, ademais de numerosos efectos de imaxe e animación ou vibrantes coreografías.
A obra poñerá en escena máis de vinte personaxes sobre o escenario, e ten entre os seis principais intérpretes á actriz Silvia Villaú, que fará de Peter Pan e a Carlos J. Benito, que se meterá na pel do temible Capitán Garfio.
Venres, 2 de decembro
O equipo técnico e de produción xa se atopa en Vigo, onde este xoves comezará a complexa montaxe da obra, que se prolongará ata parte deste venres 2, na que terá lugar a función de apertura ás 20.30 horas. Entre a espectacular escenografía destacan elementos coma o asombroso barco do Capitán Garfio, que ten unha altura duns cinco metros.
Sábado e domingo
Ademais da función inaugural do venres, “Peter, El Musical”, poderá verse este sábado en dobre función de tarde, ás 17.00 e ás 20.30 horas, e o domingo, tamén en dobre función. Unha matinal ás 12.00 horas e a outra de tarde ás 17.00 horas.
Programación decembro
O Mar de Vigo desenvolverá tamén unha intensa programación ao longo de todo o mes de decembro. O vindeiro domingo día 11, chega o fermosísimo espectáculo de teatro musical “La Bella y la Bestia”, de La Barbarie Teatro musical.
A programación se completará co monólogo de Dani Martínez o 17 de decembro, con todo vendido desde hai semanas, o ballet “El Cascanueces” o 18 de decembro, interpretado polo Ballet Clásico Nacional de Ucrania ou o singular espectáculo de Música e Videoxogos da Orquestra Vigo 430, que terá lugar o 23 de decembro.
Este mes terá a semana máis intensa do ano, coa Música de Cine de John Williams e Hans Zimmer, interpretada pola Hollywood Symphony Orchestra, o 26 de decembro, o musical familiar “El Origen del Hielo, tributo a Frozen”, o 27 de decembro, e Break Free, un dos grandes tributos á lendaria banda Queen, o día 29 de decembro.
Entradas
As entradas para todos os espectáculos programados poden adquirirse a través de www.teuticket.com, pero aínda se poden activar o Bono Cultura, con descontos de ata un 50% en cada entrada. Para as persoas que dispoñan deste bono, están abertas as taquillas do auditorio para canxear físicamente as entradas, de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e polas tardes entre 19.00 e 21.00 horas horas. O 31 de decembro será a data límite para poder desfrutar deste desconto.
Tamén se poden adquirir estas entradas con desconto nos días de espectáculo no Mar De Vigo, desde unha hora antes da celebración.