O BNG acusa ao ‘banco malo’ de “acoso inmobiliario”
O Bloque Nacionalista Galego pide ao Concello que realice arranxos nas vivendas da rúa Privada Moderna, no barrio do Calvario, para pasar logo a factura á Sareb como propietaria. Dende o BNG adiantan, tras manter un encontro coa veciñanza afectada, que demandará no vindeiro consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que se acorde a execución subsidiaria das obras ante o grave deterioro que presentan os inmóbeis provocado polo abandono do chamado ‘banco malo’, participado de forma maioritaria por capital público.
“Estamos vendo a veciñas e veciños absolutamente indefensos e abandonados por parte das diferentes administracións”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou á Sareb de prácticas de “acoso inmobiliario” actuando na Privada Moderna como un “fondo voitre que o único que procura é levar estes inmóbeis á ruína para desaloxalos” .
O Goberno español non fai nada e a Xunta nin contesta
Igrexas lembrou que, no pasado mes de xuño, o BNG xa recolleu as denuncias da veciñanza e trasladou esta problemática ao Congreso dos Deputados, ao Parlamento galego e ao propio Concello de Vigo. Por parte do Goberno español, a única resposta foi que estaban estudando como mellorar a xestión, mais sen ningún compromiso concreto. No caso do Goberno galego nin tan sequera respondeu.
A Sareb leva 5 anos incumprindo unha orde do Concello de Vigo
O Concello de Vigo impuxo á Sareb dúas multas, de 1.000 e 2.000 euros, como “castigo” por levar máis de cinco anos sen dar cumprimento a unha orde de execución que obrigaba a realizar os arranxos.
“Falamos de actuacións urxentes e necesarias para que estas vivendas sexan habitábeis, que teñen a ver entre outros cos tellados e que agora, cando comeza o mal tempo, as veciñas e os veciños da Privada Moderna están padecendo as consecuencias con humidades e filtracións nas vivendas”, explicou Igrexas.
Neste sentido, o concelleiro do Bloque, que insistiu en que a única solución a curto prazo é que o Concello realice os traballos para pasar logo a factura ao ‘banco malo’.