A camiñada será o 18 de decembro
A Deputación de Pontevedra abre este luns o prazo de inscrición para a derradeira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.
Desembocadura do Lérez
Esta nova ruta, que se desenvolverá o 18 de decembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da desembocadura do Río Lérez e o intermareal de Combarro-Lourido, nos concellos de Pontevedra e Poio. Nesta zona non faltan as aves mariñas coma o parrula mourelo, o carolo, o carrán cristado ou o corvo mariño grande, e tamén
son importantes os ardeidos coma a garza real ou a garzota, e incluso é posible atopar algún cullereiro.
Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse desde hoxe na páxina web da Deputación (www.depo.gal).
Guías ornitolóxicas
A andaina estará conducida por dúas experimentadas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para
poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, e poderán elaborar a súa lista durante a ruta.
No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo. Tamén se recomenda levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar.