Os traballos estarán rematados en 6 meses
O goberno da Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria e peonil na EP-2601 Mos-Puxeiros, no concello de Mos, por un orzamento de 411.312 euros. Os traballos serán financiados ao 100% pola Deputación, xa que o 30% que lle correspondía aportar ao Concello no convenio asinado entre ambas administracións para estas obras financiarase a través dunha achega do Plan Concellos 2022-2023.
Acabada en 6 meses
As obras, cun prazo de execución de seis meses, desenvolveranse nun treito de 580 metros do primeiro tramo da EP-2601 Mos-Puxeiros, na parroquia de Santa Eulalia, concretamente dende o p.q. 0+020 ata o p.q. 0+600. Por esta zona transcorre o Camiño de Santiago polo que ten unha forte presión peonil, que se ve incrementada co acceso ao paseo fluvial e ao parque infantil, á igrexa de Santa Eulalia, á entrada ao albergue para as persoas peregrinas e ao aparcamento e parque do Pazo de Mos.
Prioridade de paso para os peóns
As obras reforzarán a prioridade de paso para as e os viandantes coa execución dunha senda de 2,5 metros de ancho mínimo, desde a intersección do Camiño de Santiago e na maior parte da estrada.
Así, a sección da calzada estará constituída por dous carrís cun ancho mínimo de 3 metros e beiravía na marxe esquerda, e as obras contemplan a ordenación dos espazos e a renovación do pavimento. Colocaranse tres pasos de peóns sobreelevados e instalarase mobiliario como bancos e varanda e renovarase a iluminación mediante o soterrado da liña e da instalación de novos puntos de luz con LED. Por último, renovarase a recollida de pluviais.