Ao obrigalos a atender ao dobre de enfermos que o establecido nas normas
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta de Galicia e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por “vulnerar os dereitos dos médicos de Atención Primaria e os pediatras” da sanidade pública galega. Así, o alto tribunal entende que non se respectaron as normas tendentes a garantir a súa integridade e a súa saúde.
Demanda dos médicos
Exactamente, a sentenza resolve a demanda presentada este verán polo sindicato de médicos O’Mega denunciando que o SERGAS imcumpría a normativa da propia Xunta, facendo que pediatras e médicos de Atención Primaria tivesen que atender, diariamente, a 70 enfermos, o dobre do establecido pola normativa autonómica.
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza estima que o SERGAS “incumpre coas súas obrigacións en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto de traballo”. Por iso, condena a este organismo e á Xunta de Galicia a “afectar de forma inmediata a preceptiva avaliación de riscos laborais, incluíndo específica e concretamente a valoración psicosocial dos postos de traballo dos médicos de Atención Primaria e dos pediatras”.
“Imcumprimento xeneralizado da nomativa”
En concreto, o Tribunal vai máis aló e reflicte na súa sentenza un informe da Inspección de Traballo no que “se constata un incumprimento xeneralizado da normativa preventiva vixente en relación coa realización das avaliacións dos riscos psicosociais” pola elevada carga de traballo que teñen que soportar os facultativos.
Aínda así, con todo, os maxistrados non se manifestan sobre si o feito de ter que atender tantos pacientes atenta contra o dereito dos médicos á súa propia saúde. Neste punto, admiten que hai un “desgaste dos profesionais” pero apunta que a posible vulneración do dereito á saúde “excede este procedemento”.