Asínanse os contratos para a redacción dos proxectos
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, asinou o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra, para construír as primeiras 39 vivendas na parcela M-IVA-10 por importe de 242.000 euros.
A maiores, o IGVS adxudicou, por 254.590,05 euros, o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción doutras 40 vivendas de promoción pública na parcela M-IVB-21. En ambos casos, o prazo para a presentación dos proxectos básico e de execución será de cinco meses, aínda que o contrato de dirección de obra prolongarase durante toda a duración da mesma.
10,8 millóns
O investimento previsto na construción destas 79 vivendas é de 10,8 millóns de euros. Ademais, tamén están en licitación os contratos de redacción de proxecto e dirección de obra doutros catro grupos de 42, 50, 18 e 18 de vivendas. Neste caso o importe de licitación destes contratos acada os 856.399,25 euros.
Urbanización do polígono 1
Doutra parte, o mércores pasado, licitáronse os servizos de dirección e control das obras de urbanización do polígono 1 de San Paio de Navia. Son, en concreto, os servizos de dirección de obras -licitado por 296.450 euros-, o servizo de coordinación de seguridade e saúde -43.560 euros-, o servizo de vixilancia ambiental -60.376,82 euros- e o servizo de
control de calidade das obras -229.769,80 euros-.
Como informara xa vigoalminuto, a Xunta investirá máis de 28 millóns de euros na construción de 207 vivendas de
promoción pública no primeiro polígono da ampliación de San Paio de Navia. Para este fin, xa están licitados os contratos para a redacción de todos os proxectos, así como para a dirección de obra.