O BNG levará este asunto á Cámara galega
O Bloque Nacionalista Galego vai levar ao Parlamento galego as filtracións de auga na nova Cidade da Xustiza de Vigo que afectou a expedientes xudiciais. A deputada, Carmela González, anunciou este martes unha batería de iniciativas do BNG para esixir explicacións ao Goberno galego e urxir medidas que eviten que se poidan repetir este tipo de sucesos que afectan ao funcionamento da administración xudicial.
Expedientes que poderían ser irrecuperábeis
“A causa das choivas producidas o pasado mes de decembro resultaron afectados diversos expedientes xudiciais, algúns que poderían ser irrecuperábeis, cunha absoluta carencia de medios para atender esta situación. Non só a ausencia de espazo para albergar os expedientes, senón tamén a inexistencia de deshumidificadores e calefactores que permitan a conservación e coidado da documentación xudicial”, denuncia González.
Máis de 40 millóns
A deputada sinalou que “o pasado 24 de maio de 2022 procedeuse á inauguración oficial da denominada Cidade da Xustiza de Vigo, malia que xa se advertía que a infraestrutura non estaba rematada, nin en condicións de ser utilizada”. Neste sentido, lembrou tamén que a rehabilitación e acondicionamento para usos xudiciais, do que na altura foi o denominado Hospital Xeral Cíes – Vigo, tivo un custo que superou os 40 millóns de euros e con sobreprezos superiores ao 30% do orzamento inicial.
González remarcou que xa na data da inauguración oficial diversas organizacións sindicais e políticas advertían da existencia de eivas en tan importante infraestrutura que atinxían a aspectos tan elementais como os arquivos, sobre os que apreciaba falla de espazo.
“Falla de precisión e precipitación”
Por estes motivos, para o BNG resulta “sorprendente e incomprensíbel” tanto a falla de previsión, como a precipitación nun traslado sen adoptar as medidas axeitadas para a protección, cando menos, de instrumentos esenciais para o funcionamento da administración de xustiza. Polo que demandarán explicacións á Xunta e urxirán o despregamento de medidas efectivas para que non se volva comprometer o correcto funcionamento xudicial.