Axilizando a atención en caso de emerxencia
A aplicación do Servizo Galego de Saúde, SergasMóbil, vén de poñer en marcha unha nova prestación que permite á
cidadanía chamar ao 061 cando se teña unha emerxencia sanitaria. Esta nova ferramenta tamén posibilita xeolocalizar a chamada, o que fai que o equipo do 061 axilice a localización do lugar exacto dende onde se realizou a mesma.
Dende pedir cita a consultar a medicación
Coa aplicación Sergas Móbil, os usuarios poden acceder aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser a xestión das súas citas médicas; localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde; o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario; solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador; ou a atención na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non se precise a atención presencial.
‘Sergas Móbil’, ademais, permite acceder a Telea (Telasistencia Domiciliaria) ou ao portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde.